Receitas para todo o mundo

Echalecu, durante un envío de recetas desde su ordenador, en la cocina de El Celler de Monforte (Foto: TOÑO PARGA)
photo_camera Echalecu, durante un envío de recetas desde su ordenador, en la cocina de El Celler de Monforte (Foto: TOÑO PARGA)

Miguel Ángel Echalecu Pérez ten 41 anos, dos que 23 lévaos pasado en cociñas de restaurantes de Cataluña, en concreto, na zona de Vic. Desde alí, coa súa muller, Almudena González, natural do lugar chantadino de San Pedro de Líncora, ambos decidiron dar un xiro ás súas vidas e vir á Ribeira Sacra. Hai seis meses montaron o restaurante El Celler na Rúa Calvo Sotelo de Monforte, de onde salguen a diario miles de receitas para todo o mundo a través de Facebook..

«Tras conseguir abrir El Celler e logo de asentarnos chegou un momento no que che preguntas que será de moitos compañeiros que tiveches ao longo da vida. Foi entón cando empecei a contactar a través da rede e abrín un blogue no que empecei a comentar as miñas experiencias e os meus pratos», comenta Miguel Ángel Echalecu, quen estudou cociña en Barcelona e Zaragoza.

Aos poucos o número de visitas ao seu particular espazo na rede creceu e na actualidade contabiliza 1.480 cociñeiros de todo o mundo enlazados, con quen intercambia experiencias, pero resulta que son máis as demandas de receitas de pratos que elabora, tanto de cociña galega como tradicional española e incluso internacional.

«Ao acabar o traballo engánchome ao computador e atópome todos os días con case unha trintena de peticións de receitas de países insospeitados. Envío as claves dos pratos pero en especial a forma de elaboración a cociñeiros de India, Malaisia, Romanía, China, Tailandia, Xapón, Arxentina e unha longa lista», sinala Miguel Ángel, quen xa optou por desconectar o chat «porque era demasiado atender a todo como eu quero».

A cociña galega, catalá, e a española en xeral, ten gran acollida no exterior.

«Funciona pero o segredo está en facela ben. Por iso non só colgo receitas, senón que explico ao detalle a súa elaboración e respondo a consultas, que é o máis agradecido pola xente», entre as que destacan pratos con polbo e, curiosamente, con porco en países onde non se come. «Os cociñeiros cos que teño relación aceptan calquera proposta. Polo xeral gústanlles e lánzanse a facelas», asevera.

Comentarios