Rescatado un motorista que se precipitou por un desnivel en Celanova

A vítima prendeuse dunha árbore para evitar danos maiores

Bombeiros e servizos sanitarios rescataron a un motorista que se precipitou por un desnivel de vinte metros de profundidade co seu vehículo, na estrada que une Ramirás con Celanova, en Río Tuño, na provincia de Ourense, informou este domingo a central que coordina as urxencias en Galicia. A vítima prendeuse dunha árbore para evitar danos maiores e foi trasladado a un centro médico. Do suceso, que se produciu a última hora da tarde deste sábado, avisou un particular, tras cuxa chamada se activou todo o operativo.

En Lobios, tamén en Ourense, outro motorista resultou ferido tras unha colisión cun turismo na OU-540. O equipo médico do helicóptero con base en Ourense trasladouse ao lugar do accidente para atender ao ferido, que estaba liberado e accesible. Este incidente rexistrouse tamén a última hora deste sábado, foi un particular o que deu o auxilio e informou ao Grupo de Urxencias Supramunicipais (GES) de Lobios e á Garda Civil.

Comentarios