Satisfacción en Cambados coa Festa da vieira

Plato de vieiras (Foto: I.P.)
photo_camera Plato de vieiras (Foto: I.P.)

O Concello de Cambados móstrase satisfeito pola afluencia á Festa da Vieira pero vaina trasladar a xullo para lograr máis visitantes.

Máis de 8.000 unidades de vieira e unhas 2.000 de zamburiñas despacháronse esta fin de semana en Cambados (Pontevedra) no transcurso das sétimas Xornadas de Exaltación da Vieira. Segundo o goberno municipal, estas cifras representan un balance positivo desta cita gastronómica que arrincou en 2002 co obxectivo prioritario de promocionar o sector vieirero cambadés, afectado por unha profunda crise.

A organización considera estes resultados como positivos, tendo en conta sempre o obxectivo final, que consiste en promocionar o produto e o sector e lograr unha maior rendibilidade deste esforzo promocional para unha actividade que ocupa a 80 barcos e sustenta a 200 familias cambadesas.

Con todo, a pesar da boa resposta obtida nesta convocatoria, os organizadores consideran acertado trasladar este evento ao mes de xullo, entre a festa do Carme, que se celebra o 16 de xullo, e a semana grande da Festa do Albariño, que ten lugar a última semana do mesmo mes.

O Concello de Cambados entende que nesas datas hai unha enorme afluencia de visitantes en Cambados e aínda non comezaron as principais festas gastronómicas que proliferan na comarca en agosto, “o que permitirá mellorar os resultados da promoción do produto, que é o principal obxectivo desta exaltación”, afirmou o alcalde, José Manuel Cores Tourís.

Maior implicación
Cores Tourís asegurou que tanto o goberno municipal como a confraría seguirán insistindo en pedir unha maior implicación da Consellería de Pesca neste evento, “pois cando naceu esta festa en 2002, a Xunta achegaba 150.000 euros para potenciar o sector afectado pola crise que provocara a toxina contaminante”.

No transcurso da Festa da Vieira, o patrón maior da confraría de Cambados impúxolle a Vieira de Ouro ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que anunciou a inminente inauguración do edificio restaurado da Confraría San Antonio, e o alcalde, en nome do pobo de Cambados, entregoulle as vieiras de prata á mariscadora Dolores Domínguez Rodiño, que a compartiu con todas as súas compañeiras, e ao ferreiro xubilado Vicente Piñeiro Bugallo.

Comentarios