Búscase ao mellor camareiro de Galicia

Camarero de un restaurante compostelano (Foto: Otto/AGN)
photo_camera Camarero de un restaurante compostelano (Foto: Otto/AGN)

O vindeiro luns, día 18 de agosto, abrirase o prazo para solicitar a participación na semifinal galega do primeiro Campionato de España para profesionais do Servizo (Catadores, Maitres e Barmen), cuxa final se celebrará na nosa Comunidade no ano 2009, en data aínda por determinar.

A galega será a primeira “criba” por comunidades autónomas para acceder á proba estatal. Terá lugar a mediados de novembro. Para os interesados en competir, as bases completas da convocatoria poden consultarse na web www.grupohgt.com, no apartado “Organización de Eventos”.

Promoción dos profesionais

Un proxecto para a promoción dos profesionais do servizo hostaleiro, a elevación dos seus niveis de calidade e o recoñecemento social dos seus actores, empezará a desenvolverse a mediados de novembro en Galicia, coa primeira das probas autonómicas de clasificación para a final española que tamén se celebrará en Galicia en 2009. Ao asumir este proxecto concibido polo grupo e revista Hostelería Galega e Turismo (HG&T), a partir dunha idea orixinal do seu director Guillermo Campos, o primeiro Campionato de España para Profesionais do Servizo preséntase como  unha contundente aposta da Federación Española de Hostalería (FEHR) e a Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (CEHOSGA), a súa compoñente galega, por incentivar a profesionalización dun colectivo de vital importancia no  sector turístico, como son os camareiros.

A Organización e as cúpulas presididas por José María Rubio e Juan Silva manteñen un comité de traballo coordinado.

O renovado certame propiciará a procura e potenciación dos camareiros “top” do ano en toda España,  profesionais comprometidos que saiban ofrecer o mellor servizo, desde a recepción e asistencia ao cliente ata a elaboración dos diferentes tipos de café, pasando pola  recomendación de viños ou menús  en máis dun idioma, o trinchado ante o comensal, e demais coñecementos específicos comúns (acta de Camareiro top) ou de hiper especialización ( entre os que se proclamarán os respectivos campións de Xefes de Sala-Maitres, de Sumilleres e  Barmen).

As probas desenvolveranse xa que logo en dúas fases: unha primeira, común para todos os participantes seleccionados que optan á nova acta de Camareiro top (mediante unha proba teórica e oito prácticas, a través das que se pretende promover e recoñecer aos profesionais de mellor nivel e “versatilidade”), e unha segunda fase na que estes profesionais que demostraron mellor formación a través das probas precedentes (e en función das puntuacións obtidas e as súas propias preferencias), optarán a un dos podium segundo compitan no campionato de Xefes de Sala-maitres, Sumilleres ou de Barman, reservados para  o persoal máis relevante, entre os bos, da sala ou a barra.

Fases
Para acceder á fase final ou Campionato de España de cada unha das tres especialidades, é imprescindible participar nos respectivos campionatos autonómicos (fase de selección). Á final accederán os mellor clasificados da fase común en cada semifinal territorial en función da media estatal, e de forma automática os podium gañadores nas semifinais. Estímase que a convocatoria mobilizará activamente ao redor de 500 profesionais.

Poderán participar na semifinal galega  o persoal do servizo –camareiros, xefes de sala, sumilleres ou barman- que desenvolvan o seu traballo en calquera establecemento de hostalería en Galicia. En coherencia coa convocatoria e cos fins da mesma -especialmente no que incumbe ao compromiso de incentivar a profesionalización e competencia dos mellores traballadores- un Comité de Selección no que terán peso decisivo as Organizacións empresariais implicadas na elevación do nivel do seu propio persoal de sala ou barra, determinará, xunto coa Organización e as asociacións representativas dos colectivos convocados, os aspirantes admitidos á proba común (Camareiro top) que outorga acceso aos respectivos campionatos.

Xurado
O xurado que avaliará os coñecementos, técnica e habilidades profesionais dos participantes  seleccionados, estará formado por unha decena de mesas de cualificación e  máis de trinta compoñentes, todos eles dirixentes empresariais, profesionais, docentes  e expertos na hostalería e o  servizo, e de recoñecido e contrastado prestixio e experiencia en todo o mundo, “mediáticos” incluídos. Ademais das acreditacións habituais, a Organización prevé unha importante dotación económica para os campións a fin de que contrasten a súa experiencia en foros internacionais.

O novo formato parte da experiencia acumulada nas convocatorias con estes colectivos (iniciadas por HG&T tres lustros atrás) para “refundir os seus propios obxectivos (entre eles, o recoñecemento público que alcanzaron os seus compañeiros da cociña), pero tamén á vista das  necesidades advertidas nas  empresas e entre os seus clientes, “que demandan unha elevación do nivel medio profesional”.

Comentarios