Preséntase o programa da Festa do Queixo de Arzúa

A Festa do Queixo de Arzúa cumpre 35 anos. Durante os próximos 5,6 e 7 de marzo, o queixo de Arzúa-Ulloa será o protagonista desta cita gastronómica que comezou en 1975. No acto de presentación do programa deste evento, celebrado este xoves, adiantouse que está marcado, coma cada ano, pola innovación.

Para esta ocasión presentaron a nova identidade da Festa do Queixo cun identificador institucional propio desde o que amosar dun xeito visual e homoxéneo os seus valores. Este ano tamén apostan pola promoción a través da rede e das novas tecnoloxías, para o que se desenvolveron a nova web , que servirá de promoción permanente. Ademais, crearon un blog para o seguimento diario do evento, perfís en Facebook e Twitter, e emprego de soportes de comunicación online e das novas ferramentas sociais na web 2.0.

O evento contempla nos seus alicerces aspectos como a tradición, a cultura e o turismo, entre outros, que xeran valor económico, e o consolidan como un proxecto de creación de valor arredor do produto e do territorio, ao tempo que o converten nunha cita fundamental e referencia cultural e gastronómicas de Galicia e do Estado.

Concurso musical
Un dos proxectos, dentro da programación de actividades que máis interese esperta, é o concurso de maquetas 'Queixo Maquetón', que se celebra este ano por segunda vez. O membro da organización José Ramón Bernárdez di sentirse orgulloso de ter duplicado o número de maquetas recibidas nesta edición e intúe unha final moi disputada debido á calidade dos traballos presentados.

Outra das propostas, que se celebra por cuarto ano consecutivo, é o concurso de Tapas e petiscos, que se desenvolve nos establecementos de hostalería de Arzúa e que organiza o Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. O seu presidente, Xosé Luis Carrera fixo referencia ao traballo que se está a realizar e que se reflicte no aumento dos niveis de produción que, a pesar das circunstancias económicas actuais, conseguiu pechar o ano cun incremento do 15%.

Comentarios