Seis detidos como presuntos autores de 18 roubos en Ourense

A Garda Civil de Ourense detivo este venres a seis persoas, catro delas veciñas de Ourense e dous veciños de Xinzo de Limia, como presuntos autores de senllos delitos de roubo con violencia e roubo con forza en domicilios de toda a provincia.

Segundo informou o instituto armado, os catro veciños de Ourense (M.M.S; D.M.S; S.M.S; A.G.B), foron detidos cando saían de cometer un roubo nun bar situado na estrada da Venda, na Derrasa, onde tras forzar a porta de entrada, apoderáronse da recadación da máquina comecartos.

Posteriormente, como continuación da operación, foron detidos R.M.S e M.J.J, veciños de Xinzo de Limia. A dous dos detidos impútaselles un roubo con violencia, en concreto un asalto en vivenda en Santo Estevo na Peroxa. Ademais, aos seis en conxunto, vincúlanselles con 18 roubos con forza cometidos entre xullo de 2014 e marzo de 2015, en, A Peroxa, Loureses (Os Blancos), un bar en Vilarchao (Coles), un taller mecánico en Soutullo de Arriba (Coles), unha vivenda en Porqueira, un comercio en Pardieros (Trasmiras), e un galpón en Xinzo.

Os ladróns tamén cometeron roubos en dúas naves de Xinzo e Sarreaus, diversos bares en Busteliño (Xunqueira de Ambía), Vilarnaz (Coles), Baltar, Coles, Sobral (Coles), A Derrasa, ademais dunha nave en Sobral (Coles) e no centro de día en Vilar de Santos.

Para cometer os roubos, os detidos reuníanse nunha praza situada na cidade de Ourense, desde onde se dirixían no mesmo vehículo ao lugar pactado. Unha vez cometido o roubo, volvían á mesma praza, onde se repartían o botín. Durante os rexistros domiciliarios incautáronse numerosos efectos eléctricos.

Todos os detidos nesta operación que segue aberta teñen antecedentes por roubo con forza e foran detidos en 2011 cando formaban parte dun grupo dedicado á comisión de roubos con forza, preferentemente no interior de estacións de servizo. Estas mesmas fontes detallaron que está previsto que pasen a disposición xudicial do xulgado de Instrución número 3 de Ourense próximamente.

Comentarios