Galicia estará este luns nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, polo que se espera unha xornada de ceos moi nubrados con choivas débiles máis persistentes nas comarcas atlánticas e aviso laranxa en toda a costa galega, segundo Meteogalicia.
Así, a comunidade seguirá na influencia das borrascas atlánticas con ventos fortes no litoral norte e mar de fondo con ondas de 5 a 8 metros. No resto, os ventos soprarán do suroeste moderados, con intervalos fortes.
Tamén haberá circulación de ventos do suroeste que achegan moita humidade desde o mar, nunha xornada na que as temperaturas non terán cambios significativos.
O temporal costeiro que afecta a Galicia obrigou a activar o aviso laranxa na Mariña luguesa, onde se esperan ventos de forza oito e ondas de ata sete metros.
ALERTA. A Dirección Xeral de Emerxencias decretou desde a tarde deste domingo o aviso laranxa na costa lucense, que se estenderá ata a mañá do luns. Segundo a previsión da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espéranse ventos de forza 8 na costa lucense, onde poderían alcanzarse ondas de sete metros.
Ademais, á primeira hora do luns o aviso estenderase á totalidade do litoral ante as predicións que apuntan a mar combinada do oeste e o noroeste con ondas de ata sete metros, así como vento do suroeste de forza sete na Coruña.
Nun comunicado, a Administración autonómica recorda a importancia de manterse afastados da liña de costa mentres dure a alerta. Así, apela a evita diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar.
Tamén se recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.