Sesenta casetas participarán na XXVI Feira da Cebola de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo conmemorará o xoves a festividade da patroa Santa Rosalía con diversos actos relixiosos e lúdicos que se estenderán ao longo de toda a xornada festiva. Sen dúbida, un dos principais reclamos deste día será a tradicional Feira dá Cebola que este ano alcanza o seu vixésimo sexta edición.

A partir das nove e media da mañá, veciños e visitantes poderán percorrer os 60 postos que se instalarán no Porto Deportivo Juan Carlos I, para adquirir este afamado produto e, pola súa banda, Os Gatiños de Portonovo e a Banda de Música de Salcedo anunciarán desde as dez o inicio da festa cuns pasacalles e unha alborada.

A comitiva oficial, presidida pola alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, saudará ás ceboleiras e ás doce  partirá cara á Praza dos Barcos, onde se desenvolverá o acto de entrega de premios. "Nesta edición ampliamos os galardóns para recoñecer o traballo e o esforzo que realizan as persoas que concorren a este concurso”, segundo sinalou a concelleira de Cultura, Paz Lago.

Así, nesta ocasión entregarase un primeiro e un segundo premio tanto na categoría da ristra máis longa como na da figura máis creativa, que estarán dotados con 300 e 150 euros, respectivamente, e tamén serán 300 euros os que recibirá o concursante que presente ao certame a cebola de maior peso, premios que serán outorgados por un xurado, integrado por un representante do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, un técnico agrónomo e dous técnicos municipais.

Cebolas de Ouro
Ademais, Catalina González imporá as Cebolas de Ouro ao libreiro Jaime Corral “pola súa imprescindible contribución ao fomento da cultura non noso municipio” e ao xornalista Fernando Ónega “gran defensor de Galicia e, especialmente, das excelencias do noso concello en xeral e da vila de Sanxenxo en particular”; indicou.

A xornada festiva continuará á unha da tarde co concerto da Banda de Música de Salcedo na Praza de Pascual Veiga, que actuará tamén ás nove da noite,  a misa solemne en honra a Santa Rosalía cantada polo Coro de Pensionistas de Sanxenxo ás sete da tarde e a procesión de Santa Rosalía ás oito.

Ás dez da noite terá lugar a procesión nocturna para recoller a imaxe da Virxe do Carmen e ás dez e media comezará a verbena no Porto Deportivo Juan Carlos I, a cargo de orquestras Panorama e Xerusalén.

Comentarios