Cogomelos xigantes, curiosos e mortais en Celanova

Amanita caesarea-col1.jpg
photo_camera Amanita caesarea-col1.jpg

 As XXIV Xornadas Micolóxicas de Celanova terminaron o pasado domingo, tras unha semana de múltiples actividades, na que o municipio ourensán se converteu na capital da micoloxía galega. Os principais xéneros, a historia, os mitos e lendas ou as propiedades medicinais dos cogomelos foron expostas nas conferencias celebradas de luns a venres, ofrecidas por Alejandro Mínguez, Eladio pateiro, Agustín Alvárez e Ricardo Mínguez.

O sábado celebrouse unha cea degustación, na que 55 persoas puideron gozar de diferentes pratos como empanada de cogomelos (Agaricus, Macrolepiotas...), revolto de gambas e cogomelos ou xarrete con Boletus edulis. O domingo púxose o punto final coa entrega de diplomas, tras unha exposición de exemplares reais, á que acudiron centenares de visitantes.

Na exposición estaban clasificadas un centenar de especies , destacando algunhas raras e curiosas como un Boletus edulis con pé triplo recollido en Celanova por José Luís Pérez, outros xigantes como o Polyporus giganteus ou a Largemannia gigantea e especies mortais como a Amanita phalloides.

Ésta última, moi frecuente en Celanova e en toda Galicia, é a causante do maior número de intoxicacións que se producen no noso país. É un cogomelo frecuente, bonito e que entraña os perigos de ter bo sabor e facer efecto tras seis ou oito horas logo da inxestión. Ataca os órganos vitais, (fígado) e en moitas ocasións é necesario facer un transplante para salvar a vida do paciente. Cabe destacar tamén a recollida de varios exemplares de Amanita caesarea, a raíña dos cogomelos e pouco frecuente na zona, tanto que só foi documentada nos anos 1988 e 2002. Neste caso foi atopada por Alberto Rodríguez Salgado e Rocío Rodríguez Guarde na zona de Gomesende.
 

Comentarios