Terras Gauda incrementou un 33% as exportacións abrindo novos mercados en Asia , Europa e América

Adegas Terras Gauda incrementou un 33% as exportacións no ano 2008, no que abriu novos mercados en Asia (Hong Kong, Filipinas, Vietnam e Laos) e Europa e aumentou a súa posición en EEUU tras asinar unha nova alianza con Codorniu. A adega aumentou un 3,7% a súa cifra de negocio o exercicio pasado alcanzando os 9,21 millóns de euros ao comercializar 1.445.442 botellas de viño. O resultado superou os 900.000 euros.

Adegas Terras Gauda rexistrou un importante aumento de vendas en Holanda (80%), Gran Bretaña (33%), Noruega (30%) e Irlanda (100%) e os seus viños comercialízanse xa en 36 mercados internacionais, sendo EEUU, Canadá, Noruega, Suíza, Alemaña, Reino Unido, Holanda e México os seus principais mercados no exterior. Ademais, a adega, presume de ser líder en mercados exteriores de viños  Rías Baixas en países como Noruega, Holanda, Rusia, Andorra e Venezuela.

A expansión internacional coincide cun importante crecemento da cota de mercado no territorio nacional, onde os viños Albariño Terras Gauda, Terras Gauda etiqueta negra e Abadía de San Campio distribúense en todas as comunidades autónomas, e dunha forma moi importante en Andalucía, Levante e Madrid, onde é a primeira marca do D.O. no sector da restauración media-alta.

A facturación global do grupo, composto por Adegas Terras Gauda, Adegas Pittacum e a conserveira vexetal A Rosaleira, alcanzou os 10,38 millóns de euros, un 2,52% máis que no 2007. O equipo humano do grupo está composto por 74 profesionais.

Comentarios