Terras Gauda presenta en Madrid o seu 7º Concurso de Cartelismo

Acto de presentación en Madrid (Terras Gauda)
photo_camera Acto de presentación en Madrid (Terras Gauda)

Adegas Terras Gauda reuniu no Hotel Ritz de Madrid a máis de 300 personalidades do mundo cultural, político, diplomático e social na presentación do 7º Concurso Internacional de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón, ao que están convocados  60.000 artistas gráficos, estudos de deseño e universidades de 178 países de todo o mundo.

Fernando Ónega presentou o acto, ao que asistiron José Blanco, secretario de Organización do PSOE; Francisco Caamaño, secretario de Estado de Relacións coas Cortes e o senador Manuel Fraga Iribarne, como representantes da vida política nacional.

A escritora Carmen Rigalt, así como directores de medios de comunicación nacionais e correspondentes de prensa estranxeira de Xapón, Estados Unidos, México e Gran Bretaña tamén se deron cita na presentación, do mesmo xeito que a actriz Ángeles Martín.

Do mundo diplomático acudiron a embaixadora de Finlandia e representantes da Embaixada de Xapón e Canadá.

Xurado
O prestixioso deseñador gráfico Peret interveu no acto ao formar parte do xurado deste ano recollendo a testemuña de Manuel Estrada, presidente da Asociación de Deseñadores de Madrid, quen tamén acudiu ao evento, no que o presidente de Adegas Terras Gauda, José María Fonseca Moretón fixo un repaso da traxectoria do concurso, que nas súas seis primeiras edicións converteuse nun referente entre a comunidade creativa internacional.

A sala onde se celebrou o acto albergaba unha exposición cunha representación dos carteis finalistas e premiados o ano pasado, no que participaron máis de 1.300 deseñadores gráficos  de países como Armenia, Bangladesh, Chipre, Corea do Sur, Filipinas, Grecia, Hong Kong, Indonesia, Kuwait, Letonia, Malta, Nicaragua, Nixeria, Nova Zelandia, Paquistán, Paraguai, Principado de Andorra, Porto Rico, Sudáfrica e Suecia. O primeiro premio correspondeu ao deseñador belga Thomas Pion.

Adegas Terras Gauda incrementou a cuantificación económica dos premios en 5.000 euros e concederá un primeiro premio de 10.000 euros e dous áccesit de 2.000 euros cada un. O prazo para presentar as obras finaliza o 30 de setembro.

Comentarios