Tres viños da Ribeira Sacra, seleccionados para 'facer as américas'

Un momento de la cata en el Parador de Monforte (Foto: C.R.D.O. Ribeira Sacra)
photo_camera Un momento de la cata en el Parador de Monforte (Foto: C.R.D.O. Ribeira Sacra)

No Parador de Turismo de Monforte catábanse hoxe os caldos para ver que adegas son susceptibles de distribuírse en EEUU por parte de Eric Solomon Selections. Das 38 mostras presentadas, 5 eran de branco e 5 de barrica. O catador encargado da selección, Daniel González, escolleu 3 marcas cuxas notas pasará a Eric Solomon, que previsiblemente visitará a Ribeira Sacra tras o verán, para manter encontros con responsables destas adegas e iniciar o traballo.

Eric Solomon acudirá con propostas concretas segundo a adega, e será o produtor quen teña a última palabra.

Segundo informou o C.R.D.O. Ribeira Sacra, a empresa estadounidense busca nun viño: calidade, prezos idóneos, presenza estética da botella e etiquetaxe, así como un determinado volume de produción. Segundo as características das marcas seleccionadas haberá que incidir nun ou noutro aspecto, en conversacións coas adegas.

Para o catador Daniel González o futuro de Ribeira Sacra en Estados Unidos depende do que se faga nos próximos 4 ou 5 anos, pero se se fai algo diferente é posible convencer ao cliente. Apuntou tamén que os viños en EEUU triunfan por calidade e personalidade e cre que Ribeira Sacra ten bo viñedo e terreo con moita personalidade, que é o máis difícil de sacarlle á uva; polo tanto, ten a base para conseguir o éxito. Segundo Daniel González, o futuro da zona pasa polo viño de barrica, pero comedido, “utilizando máis a barrica como condimento que como ingrediente”.

Novos pasos
Segundo a D.O. Ribeira Sacra, con esta cata quedan dados novos pasos para a distribución destes caldos en EEUU; a relación que Eric Solomon teña a partir de agora cos viños desta zona dependerá do que defina o propio mercado e neste caso –engaden desde a D.O.– hai que resultar especialmente atractivo para o público feminino, xa que a decisión de compra de viño en Norteamérica depende sobre todo das mulleres.

Esta foi a primeira vez que Eric Solomon Selections se achega de xeito oficial á Ribeira Sacra; antes que el estiveron outros importadores, e de feito varias adegas abriron mercado xa neste país.

Comentarios