Os segredos do bo viño

Prestixiosos viticultores e adegueiros, representantes das xeracións de novos creadores de viños galegos de calidade, reuníronse o xoves 11 nunha das xornadas máis interesantes do Curso de cata que ofrece estos días en Satiago a asociación profesional agraria Xóvenes Agicultores.

O secretario xeral de ASAJA Galicia, Juan Orozco, agradeceu a participación dos viticultores Pedro Rodríguez, Rodrigo Méndez e José Luís Mateo, e a do prestixioso enólogo Raúl Pérez, que traballa cos tres na produción de distintos viños. Orozco tamén insistiu que estas xornadas están abertas a quen queira participar, xa que os cursos non serven só para formar ao profesional, senón tamén ao consumidor.

A cata do xoves centrouse en brancos das denominacións de orixe Rías Baixas, Monterrei, Ribeira Sacra, O Bierzo e Terra de León, unha selección completa na que non faltaron un par de viños xenéricos. Raúl Pérez resaltou a importancia de non "comprar e beber só etiquetas", xa que "hai viños que non gañan diñeiro pero que xeran moito pracer".

Antes incluso de que se descorchasen as botellas, Pérez instruíu aos presentes que "catar un viño é moi persoal, xa que cada un interpreta en función da súa sensibilidade". Por iso, engadiu que o obxectivo da xornada non era tanto xulgar os viños, senón facer "un percorrido por algunhas das zonas onde traballamos e ver o que facemos en cada caso". Antes de proceder coa cata e o curso, avisou de que probablemente algúns dos seus métodos non parecerían "moi normais", pero enseguida se xustificou: "no mundo do viño está todo inventado e hai que xogar coas pequenas imperfeccións".

Para dar peso ás súas palabras, elixiu como primeiro viño da tarde o Leirana A Excusa de 2008, un albariño que asegura foi "froito do azar". Ese ano, debido a un erro, detívose a fermentación dun dos tanques de aluminio. Neses 500 litros quedaron entre 10 e 12 gramos de azucres residuais que, lonxe de botar a perder o viño, proporcionáronlle toques minerais e algo afumados, sen que perdese a acidez propia dos Leiranas de Forxas do Salnés.

Comentarios