Turismo entrega as dúas primeiras pantallas Lcd de Santiago(é)Tapas

Entrega de los premios-regalo de Santiago(é)Tapas (FOTO: Turismo de Santiago)
photo_camera Entrega de los premios-regalo de Santiago(é)Tapas (FOTO: Turismo de Santiago)

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Compostela, Xose Manuel Iglesias, entregou a Rafael Castillo Vilumbrales e Roberto Muñíz Poo dúas pantallas Lcd de 19 polgadas, como premio por completar o 'Tapasporte', consumindo polo menos unha tapa nos 45 establecementos participantes en Santiago(é)Tapas, o primeiro concurso de cociña ‘en miniatura' celebrado na capital galega.

Entre o sábado 28 de xuño e o mércores 2 de xullo estas dúas persoas, naturais de Vedra, completaron o seu Tapasporte, tras percorrer as 5 (e)TAPAS ou rutas creadas para o concurso: Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes, Praza de Galicia, Praza Roxa e Camiño Francés.

Pero non son eles os únicos premiados. O concurso, que arrincou o pasado sábado 28 de xuño e rematará o 13 de xullo próximo, xa entregou a 12 persoas 23 premios directos e aínda quedan máis de 1.000 a disposición do público participante, consistentes en botellas de viño e cursos de cata, cheques regalo de 10 euros, camisetas, guías gastronómicas e Walking Tours de Turismo de Santiago.

Ademais, quedan 3 pantallas LCD de 19 polgadas para as seguintes 3 persoas que enchan o Tapasporte con todos os selos dos establecementos de todas as (e)TAPAS e entre os restantes Tapasportes completados antes do 13 de xullo sortearanse outras 5 pantallas LCD.

Máis de 4.000 Tapasportes recollidos
Son máis de 4.000 os Tapasportes recollidos na oficina do concurso, situada na Praza de Galicia, e nos establecementos de hostalería participantes. Como fan os peregrinos coa súa credencial, os usuarios do Tapasporte reciben un selo tras consumir a súa tapa en cada local. O público tamén pode votar a súa tapa favorita co posavasos oficial do concurso e entre os votos emitidos sortearanse 2 billetes de avión de Air Berlín a calquera destino europeo.

Son grupos de amigos ou de empresa e parellas os que máis información están a demandar e participan máis activamente no concurso. Os turistas non quedan á marxe e grupos de alemáns, estadounidenses, ingleses... percorren os establecementos participantes co seu Tapasporte.

Cada local de hostalería presenta entre 1 e 3 tapas, ata chegar ao total de 113 tapas a concurso. En www.santiagoetapas.com está a disposición do público a ficha coa receita de cada tapa, algunhas tan orixinais como ‘Esencia de pementos de Padrón', ‘Briouats de lagostinos' ou ‘Peixe sapo escabechado con mirabeis sobre torrada de broa'.

Comentarios