Un chef italiano reivindica a castaña como base da dieta galega

O chef italiano Flavio Morganti presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu novo libro no que reivindica a recuperación da castaña como base da dieta galega. Na súa obra 'A árbore do Pan. Castanea Sativa Miller. Misterios das castañas e as súas receitas', Morganti recrea historias e anécdotas aderezadas con 70 receitas de pan, tortillas, sopas ou licores que utilizan a castaña como base e que, en moitos casos, son aptas para celíacos.

O chef do restaurante 'Galileo' de Ourense destacou o ''compromiso'' da castaña co territorio ao longo de moitos séculos, especialmente antes da importación do millo e a pataca de América, polo que asegurou que debemos ''darlle valor'' e convertelo no ''emblema da nosa gastronomía''.

''Non esquecer de onde vimos é importante para saber onde imos'', afirmou Morganti, con experiencia como cociñeiro en Suíza e Italia, quen recordou o papel cultural da castaña, produto ''que axudou a sobrevivir a moitas xeracións''.

Pola súa banda, o presidente da Academia de Gastronomía, Rafael Ansón, recoñeceu o labor literario de Morganti, autor en 2007 dun premiado libro sobre as vacas, e reivindicou as emocións que suscita a súa nova obra. O libro conta coas fotografías de Xurxo Lobato e co prólogo do pasteleiro Paco Torreblanca.

Comentarios