Cociñeiros do Carballiño ultiman un libro de 101 receitas con polbo

O libro de 101 receitas con polbo está xa na imprenta e será presentado a principios do mes de xuño, en formato pequeno, con 5000 exemplares na súa primeira edición de 128 páxinas nas que tamén se mostran algúns dos carteis da "Festa" do polbo do Carballiño, elaborado polo historiador Felipe Senén e a súa familia.

Os cociñeiros e autores explicaron a GG que o libro recollerá as "poquísimas" receitas xa coñecidas como "polbo á mugardesa" ou "polbo á vinagreta", outras 30 xa degustadas polos clientes no "Mesón do Polbo", na tapería "O Pipote" e na casa de turismo rural "Casa Parriela" e ata 101 "inventadas" e elaboradas por eles.

A recompilación das 30 primeiras receitas foi o resultado das "Olimpíadas de Tapas" que se organizan no Carballiño desde hai dous anos e o resto completouse, segundo Pasquale Lange, polo seu empeño de conseguir comer polbo "sen repetir receita".

O cociñeiro de orixe francesa, asentado no Carballiño desde hai tres anos, coñeceu aquí a historia e vinculación do polbo coa comarca e a "forza da tradicional receita de polbo á feira ata o punto de que hai moitas persoas que nin sequera queren probalo doutra forma, póñasllo como llo poñas".

O libro vai destinado precisamente aos "máis aventureiros", segundo Javier Díaz e referiuse así aos que xa premiaron a combinación de polbo con alioli de froita confeitada ou un "carpaccio de polbo con salsa de mexillón", con gran aceptación entre os carballiñeses.

O resto das receitas repártense entre tapas frías e quentes, pratos guisados, sopas, kebabs, combinacións con pastas e legumes e incluso patés.

Ningunha delas era coñecida antes polos autores pois na comarca de Carballiño só se elaboraba a receita tradicional de polbo cocido e logo acompañado por aceite de oliva, pemento e cachelos, e en Metz, de onde é natural Pasquale, o único coñecemento que hai do polbo é pola presenza de emigrantes galegos, é dicir, o mesmo "polbo á feira".

Agora que vive en Galicia e ten contacto directo coa cociña do polbo, Lange dixo descubrir o "papel fundamental" que xoga o cefalópodo en toda a comunidade, a segunda do mundo en consumo de polbo detrás de Xapón,  e especialmente en Carballiño pois moi preto da vila está o pobo de Arcos, onde cada familia ten polo menos a un "pulpeiro" ou "pulpeira" entre os seus membros e onde se mantivo durante séculos unha forma común de elaboración.

As receitas do libro tamén van precedidas dunha contextualización na que se explica o protagonismo do polbo no pago de impostos que os señores feudais debían facer ao mosteiro de Oseira, cuxas propiedades se estendían ata o porto de Marín, do que recibían toneladas de cefalópodos que acabaron asentándose como manxar propio da única provincia galega sen mar.

A publicación estará en castelán, conta co patrocinio de Supermercados Froiz, aceites Abril, Caixa Rural, adegas Pazo Tizón de Boborás, panadería Crespo de Ourense e do Padroado Provincial de Turismo e será editada por Visualq.

Os autores xa teñen en mente unha segunda publicación con receitas achegadas por calquera lector que envíe o seu particular prato á páxina web que se creará con motivo do primeiro libro.

Comentarios