Outono galego para todas as mesas

Menú del Palacio Arzobispal de Santiago de Compostela del 6 de noviembre
photo_camera Menú del Palacio Arzobispal de Santiago de Compostela del 6 de noviembre

O exclusivo visitante de Santiago de Compostela, Josep Alois Ratzinger chegou á capital galega baixo o título de Papa Bieito XVI a comezos de novembro e nunha comida tamén exclusiva celebrada no Palacio Arzobispal e servida polo restaurante San Clemente, xantou queixos galegos, crema de grelos, pan de millo, jarrete guisado de tenreira galega e pataca do país e bebeu, igual que o seu séquito, un Rioja "Monjes Gran Reserva" e o Ribeiro "Casal de Armán", elaborado coa variedade "treixadura", tamén para acompañar as sobremesas caseiras típicas do restaurante "Carretas".

Albariño Rías Baixas con Adriá en Barcelona e tamén en Xangai

O día 11 de xaneiro de 2011 os irmáns Adriá abrirán en Barcelona un espazo de tapas co nome de  "Tickets", organizado ao redor de varias barras centradas en diferentes produtos como os relacionados co Mediterráneo, outra de viños e cervexas, outra de  "chuchis" ou tapas con produtos frescos e unha máis para tapas doces.
Na súa ampla carta xa conta coa marisquería "Rías de Galicia" instalada no ano 1986 en Barcelona polo galego Cándido Igrexas Barciela e a súa esposa Pura, e agora rexentada polos seus fillos Juan Carlos, Borja e Pedro.
A presenza galega no novo local dos irmáns Adriá tamén contará co  viño albariño "Pazo de Señorans" da denominación de orixe Rías Baixas.

Doutra banda, importadores e catadores chineses participaron nun seminario e cata na que se lles presentou a denominación de orixe Rías Baixas e varios dos seus viños, no marco da feira "Food & Hotel".

De todo no mercado de San Miguel

O remodelado mercado madrileño de San Miguel é sede habitual de degustacións de produtos galegos e de forma especial, entre os días 12 e 21 de novembro de 2010 pois alí estarán alimentos das 29 denominacións galegas de calidade envolvidos nunha gran cinta que adorna as fachadas do mercado coma se este fose un gran paquete de agasallo para os visitantes.

Nos postos de venda do mercado haberá a bo prezo produtos frescos e envasados como pan, verduras, cogomelos, fabas de Lourenzá, castañas, grelos, patacas de Xinzo da Limia, queixos de "Tetilla", "San Simón" e "O Cebreiro", peixes de ría e de pesca de altura, carnes, produtos ecolóxicos como marmeladas e mel, mariscos, viños das cinco denominacións de orixe vitícolas e doces tradicionais como as canas recheas de crema do Carballiño, melindres e amendoados de Allariz e outros de orixe conventual.

Ademais dos postos de venda, a oferta estenderase á cafetería e cervexería do mercado onde se ofrecerán degustacións temáticas de pratos, tapas e viños galegos.

Así, o luns 15 a degustación será de peixes e conservas, os dous seguintes días haberá mariscos, xoves 18 e venres 19 os curiososo poderán probar diferentes carnes e durante o fin de semana do 20 e 21 os protagonistas serán os queixos. Ademais haberá dúas catas diarias de viños ao redor das 13:00 e das 21:00 horas.

A convocatoria, impulsada por Turgalicia , leva o nome xenérico de Saborea "Galicia", secuela do "Saborea España" que durante seis meses (ata o 31 de outubro de 2010) mostrouse na Exposición Mundial de Xangai no pabellòn español construído con vimbia.

Sen ir máis lonxe, nas casas de turismo rural

Ata mediados de decembro a oferta de pratos de tempada a base de cocidos, cogomelos ou castañas, estará en polo menos 117 casas de turismo rural e en 213 propostas gastronómicas para un menú con entrantes, primeiro prato, segundo prato, sobremesas, cafés ou infusións, viño e outras bebidas, a un prezo de 30 euros IVE incluído.

Hai variantes que inclúen dous menús en días consecutivos e con ou sen habitación para pasar a noite e como novidade tras tres edicións anteriores deste "Outono Gastronómico" en Turismo Rural, en 2010 pódense gañar 120 premios directos nas propias casas de hospedaxe e comida e tamén entrar no sorteo de 25 fins de semana, 25 paquetes gastronómicos e 70 menús gratis.

Para ir máis lonxe, a Xapón

A empresa instalada en Ourense "Marrón Glacé" levará este ano a promoción de produtos galegos, sobre todo a castaña, ata a cidade xaponesa de Ena, na provincia de Gifu, onde celebran o tradicional "magosto" galego no parque da cidade.

Comentarios