Un restaurador galego publica un libro de cociña española en chinés

O restaurador galego Daniel Negreira, propietario do restaurante 'El Toro' de Taipei, acaba de publicar un libro de cociña española tradicional e moderna en chinés.

''É un proxecto que tiña en mente desde que cheguei a Taiwan e que busca presentar ao público de fala chinesa e inglesa a cociña española'', dixo Daniel Negreira, un dos restauradores españois que máis éxitos cultivou na illa.

O nome do libro en chinés é 'Xibanya dahu dao nin jia' ('Un chef español na súa casa') e na súa versión en inglés, 'A Walk Through Spain: Cooking is a pleasure!' ('Unha viaxe por España: Cociñar é un pracer').

A riqueza da gastronomía española preséntase en chinés e inglés con detalladas explicacións e fotografías, de modo ameno e práctico. O autor di que a súa obra é ''fácil de ler, aínda que fale de cociña, porque en cada receita inclúese unha breve anécdota, xa sexa un suceso gracioso ou unha curiosidade dos ingredientes'.

Receitas tradicionais e modernas
No primeiro apartado do libro aparecen as receitas tradicionais na súa versión clásica e moderna, froito da experiencia de Negreira en restaurantes españois punteiros como 'El Bulli'. No segundo apartado ofrécense as súas creacións: ''receitas non tradicionais, baseadas nos produtos da nosa patria'', di. E no último apartado, ''tócase a fusión entre as cociñas do mundo e as novas técnicas europeas'', sinala o restaurador.

En Taiwan, onde hai gran interese por todo o español, o libro está a difundirse con éxito e o autor espera que ''resulte de gran utilidade para todos os afeccionados á cociña''.

A obra publícase un ano logo da apertura na illa do restaurante 'El Toro', que se converteu nun importante punto de referencia gastronómico en Taipei.

Comentarios