Un sidreiro dá a coñecer en Riotorto unha variedade local de mazá

O Mercado de Outono de Riotorto —que organiza o Concello para promocionar a hortifruticultura e os produtos artesanais autóctonos e de tempada— ten este ano un atractivo singular: o obradoiro no que o profesor de ensino medio xa retirado e oriúndo de Lugo, Xosé Folgar, vai amosar unha parte do proceso de fabricación da sidra, que leva doce anos producindo de xeito ecolóxico. Tras ter recollidas unhas 40 variedades galegas de mazá, afirma que hai relativamente pouco tempo "cerca de Riotorto, localizouse unha das mellores reinetas de Galicia que, pola súa mistura de sabor doce e lixeiramente ácido, valería para elaborar" esta refrescante bebida.

No mercado de Riotorto, a partir das once da mañá deste domingo 9 de novembro, Folgar vai amosar parte dun proceso de cinco meses, coas máximas garantías hixiénicas, que el segue para fabricar a sidra: "O labor comeza coa recollida da mazá, asegurándose de que está madura. Logo hai que triturala —e para iso antes usábase un mazo e agora xa hai aparellos eléctricos—; despois, hai que prensar as mazás para exprimirlles o zume e logo, pasan a unha cuba —máis hixiénica de aceiro que de madeira—, para que fermenten durante cinco meses, antes de embotellar". Todo un traballo que adoita comezar por estas datas e que remata en abril.

Ante os asistentes, vai analizar o zume para ver as cualidades sobre todo de sabor que ten tralo prensado e así facerse unha idea "da sidra que imos obter". Ademais, amosará os "distintos tipos de recipientes para a fermentación". El vai levar a que considera a mellor mazá galega para elaborar esta bebida: "É idónea a Rabiosa de Callobre, da Estrada".

Calcula que a inversión que habería que "facer para empezar a producir a nivel de afeccionado xiraría en torno aos mil euros, para mercar sobre todo unha boa cuba, unha trituradora e unha prensa, aínda que estas dúas últimas ferramentas sería bo compartilas, porque en realidade vanse usar dúas veces ao ano". Hai ao redor de 300 variedades galegas de mazá recollidas nun banco de xermoplasma na localidade coruñesa de Guísamo e a Politécnica de Lugo estudou as que valen para sidra.

Propón producir 500 litros para "ter un ingreso extra"

O agricultor afeccionado Xosé Folgar anima ao sector a aproveitar as súas propias maceiras para evitar que aprodrezan ou mesmo malvender por 20 ou 25 céntimos o kilo a produción. No seu lugar anima a aprender para que os agricultores elaboren as súas propias sidras para o consumo propio, aínda que considera que "mesmo se pode facer algo intermedio ao producir uns 500 litros, o que xa suporía uns ingresos extra interesantes".

Comentarios