Unha historia de sete pratos

Nun lugar para perderse, afastado do mundo, entre o Alto da Gañidoira e a Serra do Xistral, Casa Cándida fixo bandeira ao longo dos anos a través dos seus fogóns e converteuse en parada obrigatoria para os amantes da gastronomía galega e do bo comer.

Para estómagos aplicados, que non coñecen fartura, o que comenzou sendo unha taberna con ultramarinos é hoxe ‘o restaurante dos sete pratos’ para uns, o Viveiró para outros, que fixeron da parte o todo e desprazaron a parroquia a unha casa familiar.

Polos seus cinco comedores, que dan cabida a 150 persoas, pasaron milleiros de persoas de toda Galicia e de diversos puntos de España dispostos a comprobar o mito: Sentarse sen pedir e esperar a que comece o ir e vir de pratos cargados de comida. A resposta é sempre a mesma: «Aínda máis?»

«Os sete pratos son a nosa clave e moita xente coñécenos por eso e por dar comida abundante. Xa que se teñen que desprazar, que non se vaian con fame, non? Se retiramos os sete pratos, esto acábase», explica Antía, a responsable do negocio dende o falecemento de Cándida Bello, a alma máter, hai case tres meses, aos seus 87 anos de idade.

«Cándida era única. Facíao todo e gozábao, vivíao. Deixounos un gran legado», explica a súa sobriña, que leva dende os doce anos dentro das cociñas deste restaurante. Hoxe comparte o traballo co seu fillo.

«O pai de Cándida e de meu pai iniciou o negocio. Só daban comidas polas feiras, que se celebraban unha vez ao mes, o último domingo, pero xa funcionaba ben», relata.

«A mediados da década dos 80 Cándida tomou o relevo e deulle ao negocio a fama que ten hoxe», explica Antía, mentres subliña que a casa de comidas tamén comezou a ser coñecida grazas á familia de José Luis Páramo, que se instalou na granxa Pazos do Viveiró e encheu o restaurante de visitantes, e aos cazadores, que aproveitaban as paradas na persecución dos faisáns para almorzar algo.

O restaurante abre todos os días con menú e pecha os domingos. As fins de semana son para os sete pratos. «Non hai carta», ri Antía, que enumera un menú que abre dende hai décadas con entrantes —«algo de picar, queixo, empanada, chourizo...»—, para completar con ameixas, arroz, caldo galego, cocido, asado e postres variados: requeixo, flan, orellas, tartas, mel... Todo, como non, na abundancia, con receitas tradicionais de comida da casa.

«Retiran. E volven», reza un recorte que colga nun salón comedor -a antiga cociña-, xunto a artigos de prensa e fotografías antigas cheas de caras coñecidas: alcaldes galegos, conselleiros, Manuel Fraga -un dos clásicos do Viveiró e o maior defensor de que o seu caldo é o mellor de Galicia-, empresarios como Roberto Toxeiro ou o catedrático Domingo Bello Janeiro, nunha interminable lista de comensais recoñecidos e anónimos, premios e recordos de Cándida -á que o Concello lle dedicou no 2002 unha homenaxe- e Antía.

«Seguiremos o seu legado. Cándida estaría orgullosa deso», comenta a sobriña dunha muller loitadora, que fixo da súa casa un lugar para o recordo e do seu traballo un mito. «E por moitos anos».

 

 
 

 
0'0 (0 votos)

Comentarios