Unha investigación indagará nas propiedades nutricionais do mel galego

miel_dentro.jpg
photo_camera miel_dentro.jpg

A pesar de estar recomendada pola maioría dos nutricionistas, poucos son os consumidores que coñecen as propiedades da súa composición, rica en vitaminas, antioxidantes e minerais.

Por iso, e para salvar a desvantaxe que ten o mel con respecto a outros produtos do mercado que si recollen todas eses valores terapéuticos e nutricionais na súa etiquetaxe, a Consellería de Medio Rural financia unha investigación sobre as características deste produto., ''Posta en valor do mel: etiquetaxe nutricional''.

O obxectivo é ofrecer aos consumidores toda esta información nutricional na etiquetaxe, e mellorar a súa competitividade resaltando as súas propiedades 'naturais' fronte a outros 'produtos funcionais', moitos deles enriquecidos con sustancias engadidas (omega 3, etc).

Recollida selectiva
Así, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e o grupo de Bioloxía Vexetal da Facultade de Ciencias de Ourense, analizará 71 mostras de mel recollidas en colmeas de toda Galicia.

O proceso de recolección prestou especial atención ás zonas de maior produción de mel, intentando buscar meles de distinta orixe botánica autóctonos (eucalipto, silveira, castiñeiro e mato da queiroga).

Ademais, realizouse unha tipicación do contido políneo do mel, así como doutros parámetros físico-químicos: humidade, medida de ph, a cor, a conductividade eléctrica, a porcentaxe de graxas (nula, segundo os resultados obtidos) e outras propiedades antioxidantes, vitaminas, proteínas, etc.

Características especiais

Para a investigadora María del Carmen Seijo son varias as razóns que fan do mel galego un produto especial. Teñen que ver tanto coa apicultura practicada como coas características da climatoloxía e do territorio: tipo de vexetación, estrutura do territorio, características do campo...

''Son meles máis escuros que noutras zonas produtoras do Estado español, cun contido mineral máis alto e con características sensoriais máis pronunciadas'', asegura Seijo.

Ademais, Galicia a comunidade de maior produción do Estado, xa que o Consello Regulador produce 300.000 quilos anuais certificados e unhas 32.000 colmeas.

Comentarios