Unha mesa sobre a ría en Ribadeo

Restaurante San Miguel - RibadeoO San Miguel, un balcón ao mar (Foto: VILLAPOL)

A UBICACIÓN sobre a ría, unhas vistas extraordinarias e o porto deportivo ao pé, coma se todo iso estivese integrado no comedor, fan do restaurante San Miguel en Ribadeo un lugar ideal para sentar tranquilamente a gozar da mesa, a compañía e o mar.

Acompañounos un día espléndido nesta primavera que se resiste a facerse realidade. Un paseo polo porto, tras o xantar, foi a mellor sobremesa para o corpo e o espírito.

Se o lugar é único, o produto do mar que alí se serve faille honra. As ameixas con alcachofas, unha combinación lograda, é un prato extraordinario, aínda que quizais fose excesivo o dominio da salsa que as acompañaba. Excelentes foron tamén as luras na súa tinta, con todos os matices e con sabor auténtico. Representou un auténtico achado: ese sabor da lura, e non outra cousa, case xa perdido, que supón unha aventura atopalo. Foi como saír polo portalón do patio do colexio para, como algo clandestino, tomarse un bocadillo de luras fritas. Por iso agradécense e valoran estas luras en Ribadeo como un regreso a un pasado de felicidade. Unhas semanas antes, noutro local de Ribadeo que non imos citar, pedimos luras, e aquilo resultou algo absolutamente insípido e ata mal pasado pola freidora. ¿Onde estarán aqueles bocadillos de luras de estudantes que había na Raíña en Santiago ou en cálea Princesa en Madrid?

Todo isto foi compartido por dous comensais. O terceiro, abstívose para a súa desgraza. As racións foron tan abundantes que se converteu en problema afrontar a tarefa dunha pescada á prancha. Os inevitables allos fritidos de certa cociña galega estaban como adorno inadecuado por encima..

Se a pescada era fresca, abría en láminas brancas, sabía suavemente a mar e desfacíase na boca, para que ese allo. Grazas a deus o sabor do allo non se chegaba a notar, non penetrou na pescada: estaba moi frito e engadírono unha vez preparado o prato para ser servido.

Racións moi amplas, excesivamente abundantes en produto, sobre todo neste caso, logo daquelas ameixas con alcachofas e das luras na súa tinta. Quedou parte da pescada para regresar á cociña. Por exceso de cantidade..

Quizais, e regresamos a outra cuestión repetida en diferentes ocasións e para restaurantes distintos en Galicia, había exceso de aceite na pescada á prancha. O ferro non necesita a compañía visible do aceite. En todo caso, podería ser unha opción libre do comensal cun aceite cru que lle engada súa vontade.

A conclusión é clara: lugar ideal para un xantar ou cea, excelente produto, con boa cociña. Merece un sobresaliente e debe figurar entre os mellores espazos a recomendar para comer en Galicia.

Unha vez máis cabe preguntarse pola ausencia dalgúns restaurantes de Lugo, particularmente da Mariña, nas guías gastronómicas de referencia. Nito, en Viveiro, é outro exemplo desa inxustiza.

Comentarios