Unha ferida tras un atropelo en Piñor

O vehículo implicado terminou por envorcar lateralmente e o seu único ocupante puido abandonalo polo seu propio pé

Unha muller resultou ferida a última hora da tarde deste mércores en Piñor, en Ourense, logo de ser atropelada por un turismo, informou o 112. 

O coche implicado acabou envorcando lateralmente. O sinistro rexistrouse no quilómetro 264 da N-525, a estrada que une Santiago con Ourense, nas proximidades do Polígono Industrial da localidade. 

A muller ferida foi evacuada polo persoal sanitario a un centro hospitalario. O condutor e único ocupante do vehículo puido abandonar o coche polo seu propio pé. Con todo, nun primeiro momento pensouse que estaba atrapado, polo que os efectivos de urxencia mobilizados decidiron achegarse ao momento cun equipo de excarceración. 

Foi unha persoa particular a que deu a voz de alarma ao 112 Galicia ás 18.40 horas da pasada tarde. Segundo relatou, a muller atropelada permanecía tendida diante do coche. Acto seguido, o persoal do Centro de Atención ás Urxencias informou da situación a Urxencias Médicas, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Comentarios