Uns 4.800 fogares seguen sen luz en Galicia

Unión Fenosa Distribución estivo traballando durante a fin de semana para reestablecer o servizo de enerxía eléctrica. Ás 19.30 horas deste domingo, permanecían sen luz 4.801 clientes. Por provincias, a distribución dos usuarios sen subministración é a seguinte: A Coruña (2.087), Lugo (2.404) e Pontevedra (310). As zonas afectadas, segundo indicou a compañía nun comunicado, son parroquias e lugares dispersos da contorna de Santiago de Compostela e Noia, así como da zona rural de Monforte, en Lugo.

O temporal provocou avarías en liñas de media tensión de Unión Fenosa Distribución debido á caída de árbores e ramas sobre os tendidos eléctricos, que desencadearon a rotura das instalacións e xeraron interrupcións da subministración eléctrica.

A compañía distribuidora reforzou o dispositivo despregado en Galicia e conta con máis de 550 persoas entre brigadas e operadores de rede, aos que suman 125 persoas máis para atender a plataforma telefónica. A prioridade absoluta da compañía é a normalización do servizo e a recuperación da subministración eléctrica para todos os clientes afectados.

Así mesmo, Unión Fenosa Distribución puxo a disposición dos usuarios o teléfono gratuíto de atención ao cliente 900 111 999, onde poden solicitar información ou presentar unha reclamación polo corte de subministración que sufriron.

Os clientes tamén poden acudir a calquera oficina de atención ao cliente da compañía Para calquera tema relacionado con incidencias, poden chamar ao teléfono gratuíto 900 333 999, que recibiu máis de 5.600 chamadas este domingo, e máis de 88.000 nos últimos tres días.

Comentarios