Urbanismo elaborará un informe sobre o edificio desaloxado

O inmoble consta de planta baixa e cinco pisos e foi desaloxado de urxencia, como medida de precaución. Apontoouse e restrinxiuse o paso de peóns na zona frontal

A concelleira de Urbanismo de Ferrol, María Fernández, informou de que está á espera do informe técnico da arquitecta que inspeccionou este martes o edificio número 11 da rúa Sánchez Calviño, que foi desaloxado no día deste martes tras a caída de cascallos da fachada, para elaborar a análise oportuna.

Dada a situación, incoarase un expediente ao propietario para que faga unha inspección a través dun técnico contratado polo mesmo, para determinar se os veciños poden regresar ao seu edifico ou se teñen que acometer reformas.

O edificio consta de planta baixa e cinco pisos e foi desaloxado de urxencia, como medida de precaución. O inmoble apontoouse e restrinxiuse o paso de peóns na zona frontal.

Cinco adultos e un bebé foron reacollidos no Hostal América durante este martes por Servizos Sociais.

A concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, que xa mantivo reunións cos afectados, volveu reunirse con eles esta mañá e decidiuse que se hospeden nun aloxamento con pensión completa, dadas as dificultades económicas que atravesan.

Trátase dunha medida provisional, mentres se decide sobre a necesidade de acometer obras no edificio.

Tamén se lles deu refuxio temporal a dous gatos que vivían cunha das familias do edificio.

Comentarios