Valdeorras presenta en Vigo a súa colleita 2007

C:UsersippPicturesGALGASNOVAScosecha_valdeorras_vigo.jpg
photo_camera C:UsersippPicturesGALGASNOVAScosecha_valdeorras_vigo.jpg

Vigo foi a terceira cidade, logo de San Sebastián e Santiago, na que se presentou oficialmente a colleita 2007 da Denominación de Orixe Valdeorras.

O presidente do Consello Regulador desta zona de produción, José Luís García Pando, destacou neste acto “o extraordinario carácter e personalidade dos viños de Valdeorras, e non só do emblemático Godello, que é o que dá ao D.O. a súa proxección máis internacional, senón tamén dos tintos, entre os que se atopa –recordou– o  mellor viño tinto de Galicia” (en referencia ao Joaquín Rebolledo Barrica 2006), segundo o resultado da XX Cata dos Viños de Galicia, que se celebrou a pasada semana en Monforte de Lemos.

O presidente do Consello Regulador participou no Pazo Os Escudos da cidade olívica no acto de presentación da colleita do 2007 desta Denominación, realizado en colaboración coa Consellería do Medio Rural, e no que participaron 25 das 45 adegas incluídas no D.O.

Calidade
O Director Técnico da Denominación, Jorge Mazaira, destacou pola súa banda a calidade
da colleita de 2007, a pesar das adversas condicións climatolóxicas. “Foi unha colleita 
–afirmou– que produciu unha materia prima de moita calidade e coa madurez e acidez ideal para producir uns viños como os de Valdeorras, cunha personalidade diferenciada con respecto aos doutras Denominacións de Orixe galegas”.

Con esta terceira presentación, tras as xa realizadas en San Sebastián e Santiago de Compostela, o Consello Regulador de Valdeorras pretende abrir novas vías de comercialización para os viños desta zona, que agrupa a 45 adegas, cunha superficie de viñedo de 1.300 hectáreas.

Ao acto de Vigo asistiron preto de 300 representantes dos sectores da distribución, a hostalería e a restauración da zona sur de Galicia, así como catadores, prensa especializada e de difusión xeral e público da cidade, que puideron gozar das degustacións comentadas polos propios adegueiros de Valdeorras, que se desprazaron ata Vigo para someterse ao criterio dos expertos en catas e degustacións comentadas.

Comentarios