Vento 2008

Zona: DO Ribeira Sacra. Colleita: 2008. Uva: mencía. Maridaxe: Paspallás asados en follas de parra. Graos: 12,5% vol. Temperatura de consumo aconsellada: 12-13º

Non é ningún segredo a evolución que sufriu a Ribeira Sacra nos últimos anos. Froito destes avances aparecen novos problemas, pero tamén novas solucións. Ata hai pouco tempo parecía imposible elaborar un viño con denominación de orixe sen ter unha adega propia, o que non sempre era posible para a maioría de viticultores e sociedades desta zona.

Este problema presentóuselles aos socios de Adegas Miramar S.L. que, prendados dos encantos da paisaxe da zona de Belesar, decidiron comprar un viñedo na zona da Ermida.Seguidamente, xurdiulles a necesidade de elaborar un viño coas súas propias uvas. Hoxe, sen acabar de ter unha adega propia e coa ilusión dunha nova aposta, móstrannos a súa primeira elaboración: o Vento Mencía 2008, un viño que, sen dúbida, dará que falar.

Picota
De cor picota escuro con bordo violáceo e capa alta. En nariz presenta unha alta intensidade de matices propios da variedade: froita madura, predominando a vermella, e recordos a matogueira cun fondo mineral. Con boa estrutura e acidez, é carnoso con boa persistencia e un final de boca de carácter varietal.

Comentarios