O vento, protagonista de novo este mércores 

A comunidade volve estar en alerta amarela nas primeiras horas do día
Mapa con la previsión de Meteogalicia
photo_camera Mapa coa previsión de Meteogalicia

 A influencia da borrasca Gloria seguirá afectando este mércores a Galicia. Deixará intervalos de vento fortes e, no norte da Coruña e na Mariña de Lugo, precipitacións débiles ocasionais. No resto da comunidade autónoma, a xornada arrincará con ceos pouco nubrados, pero as nubes farán presenza co paso das horas, alternando cos claros. Segundo a Aemet, non se descarta algunha bruma ou banco de néboa matinal en zonas altas do norte de Lugo.

O vento soprará do nordés, con especial virulencia no litoral e nas zonas altas, baixando de intensidade ao final do día. En concreto, espéranse refachos moi fortes nos cabos do norte e noroeste e nas zonas altas da Mariña de Lugo. De feito, Meteogalicia mantén decretada a alerta amarela por este fenómeno en toda Galicia.

Mentres que na provincia de Lugo a situación acougarase a partir das nove da mañá, a alerta estenderase ata o mediodía no interior de Pontevedra e no noroeste da coruña. Na Costa da Morte o instituto galego de meteoroloxía eleva o nivel de risco a laranxa nas primeiras horas do día, aínda que pola tarde redúceo a amarelo.

As temperaturas experimentarán poucos cambios, aínda que ascenderán lixeiramente. Espéranse xeadas débiles no sueste de Lugo e en Ourense.

En canto ás grandes urbes galegas, os termómetros caerán ata os 3 graos na cidade das Burgas e ata os 5º na capital lucense, mentres que en Pontevedra non baixarán de 8 graos. Respecto das máximas, Vigo e Ourense chegarán aos 16 graos, pero en Lugo non se superarán os dez.

Comentarios