Quince viños galegos obteñen sendas medallas no concurso mundial de Bruxelas

A denominación de orixe Rías Baixas engloba ao maior número de viños premiados pois obtivo tres medallas de ouro e cinco de prata, mentres que ningún viño do D.O. Ribeira Sacra participou na edición deste ano do concurso, polo que é a única que non levou un galardón.

Os viños galegos obtiveron 15 medallas de ouro ou prata e o bagazo "Cilantro" outra, do total de 378 obtidas por viños e "espirituosos" de toda España, o que a coloca segunda en número de galardóns detrás de Francia, que conseguiu 606 medallas, e diante de Italia que levou 228.

O certame foi creado en 1994 e a edición de 2010 celebrouse en Palermo (Italia) a finais de abril aínda que os resultados non se fixeron públicos ata a noite de onte día 3 de maio.

Entre os galardoados galegos, ademais dos 9 de Pontevedra, outros tres do D.O. Monterrei, tres tamén do D.O. Ribeiro e tres de Valdeorras.

Algúns destes viños repiten premio e concurso como os de Monterrei "Alma de branco godello" e "Quinta dás Tapias" e o "Castro Baroña" de Rías Baixas, entre outros.

Tamén se dá a circunstancia de que unha mesma adega obtivo medallas de ouro e prata para senllos viños como o pontevedresa "Coto Redondo" da que tres viños se repartiron dúas medallas de prata e unha de ouro ou o "Branco Núñez" de Monterrei (Ourense) que ten unha medalla de ouro e outra de prata con dous viños brancos diferentes.

Fontes do sector explicaron a GG que a concorrencia dos viños ao certame mundial é decidido por cada adega a título particular polo que non é posible saber cantas participaron na edición celebrada na cidade siciliana de Palermo.

O próximo Concurso Mundial de Bruxelas congregará a produtores e catadores durante os días 6, 7 e 8 de maio de 2011 en Luxemburgo, segundo informa a páxina oficial do certame.

Comentarios