Bongo Experience, Willy Naves e Belöp, finalistas do II Queixo Maquetón

Os vigueses Belöp, os asturianos Willy Naves e os barceloneses de Vilanova i la Geltrú, Bongo Experience, son os tres finalistas da segunda edición do proxecto Queixo Maquetón, que se celebra no marco da programación da Festa do Queixo de Arzúa. Este ano, Queixo Maquetón recibiu un total de 30 proxectos chegados dende distintos puntos de España, converténdose de novo nunha referencia para o descubrimento de novas bandas.

O asturiano Willy Naves, presenta o seu proxecto persoal, despois de militar en varias bandas da escena asturiana. No verán de 2009 publica o seu primeiro EP de estudio autofinanciado titulado 'La Casa de la Playa', un EP que tivo unha grande acollida entre a crítica especializada. Por outra banda, acaba de ser seleccionado pola prestixiosa revista Mondosonoro para actuar nas súas Fiestas Demoscópicas, onde amosan o seu directo as bandas españolas máis prometedoras.

Dende Vilanova i la Geltrú chegan Bongo Experience, semifinalistas no pasado ano e que nesta segunda edición regresan á final cun estilo enérxico, bailable, moderno e innovador. Foron gañadores do concurso nacional de músicos amateur no 2008, seleccionados para o recompilatorio Mejores Talentos Myspace e recentemente elixidos como grupo revelación do mes de outubro polo coñecido webzine El Detonador.

A final, o 6 de marzo
Si o pasado ano eran os vigueses Maryland, este ano a representación galega no Queixo Maquetón volve dende a cidade olívica con Belöp. Este Ttío chega á final despois de ter unha boa acollida en internet e presentar a súa música dentro e fóra de Galicia, gravando en maqueta tres temas que formarán parte do seu primeiro disco, acadando ademais o premio de mellor maqueta do ano 2009 no prestixioso certame Maketón Estrella Galicia dos 40 Principales.

A final será o día 6 de marzo a partires das 6 da tarde na Praza da Vila de Arzúa. O gañador será o encargado de pechar os concertos da xornada despois das actuacións no Campo da Feira dos franceses Rinôçérôse e dos murcianos Second. O xurado, ademais dos organizadores do propio proxecto, estará composto por destacados profesionais vinculados ao mundo da música.

Comentarios