O paraíso dos comedores de patacas

Elio Campos, tercero en el dominio del tractor
photo_camera Elio Campos, tercero en el dominio del tractor

Produción de patacas para consumo en fresco e para industria

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) "Pataca de Galicia" ampara e entrega etiquetas certificadoras de calidade a 8000 toneladas de patacas da variedade "kennebec" destinadas á venda en fresco, do total de 18.000 toneladas da mesma variedade producidas nun ano en todas as terras amparadas polo consello regulador (todas na comarca da Limia e outras lindeiras).

O total de patacas producidas en Galicia, das que o 99 por cento son da provincia de Ourense, é de 120.000 toneladas anuais e a diferenza entre o total e as de consumo directo (18.000 toneladas) son as da variedade "agria" que empresas como "Lays" ou amultinacional "Matutano" mercan para fritir e embolsar.

O director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, con sede en Xinzo da Limia e dependente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento (Inorde), Servando Álvarez Pousa explicou que desenvolve estudos para testar 80 variedades de pataca co fin de coñecer o seu comportamento en diferentes combinacións de formas de cultivo, tratamentos e abonados, en parcelas situadas en Viana do Bolo e en Xinzo da Limia.

Debate de almacenistas

A compra e comercialización de ambos os tipos de pataca, a de venda en fresco e a destinada a "chips", corre a cargo dunha ducia de empresas almacenistas-envasadoras entre as que se atopa "Patacas Paz", cuxo responsable Francisco Paz, explicou a GG que tamén comercializa patacas de semente procedentes de Holanda e Alemaña e cualificou de "aberración" unha investigación que quere implantar en Ourense cultivos de patacas de variedades procedentes de países da antiga Europa do Leste.

"Os cultivos de patacas para consumo e os de patacas para semente teñen que estar separados moitos kilòmetros para evitar a contaminación con virosis entre eles e ademais nunca se consultou co sector industrial para iniciar estas indagacións", explicou.

Debate para produtores


Os produtores de patacas na Limia ou pataqueiros compran as sementes en marzo aos mesmos almacenistas aos que logo lles venden a produción (na maior parte dos casos) e aos que lle compran abonos e nutrintes, segundo explicaron a GG varias fontes do sector.

Segundo Álarez Pousa isto "só pasa en Ourense" e os 200 produtores poderían mellorar a rendibilidade dos seus cultivos mirando posibilidades como a realizada por máis de 300 agricultores asociados en cooperativas de Castela-León.

Un ciclo completo desde a produción ata a transformación faría máis rendible o cultivo pois non tería tanta dependencia das subidas de prezos en sementes e tratamentos debido ao valor engadido da elaboración, pero na Limia só hai unha empresa transformadora que é "Patacas Guays" que frite e embolsa en Piñeira Seca.

Segundo o técnico agrícola, as probas iniciadas polo Inorde con variedades procedentes de Polonia, Romanía e Hungría buscan unha calidade xenética "de pataca rústica e resistente, non alterada por xeracións tratadas con produtos fitosanitarios como ocorre no resto de Europa, mentres que nestes países que antes estaban tras o Telón de Aceiro, as melloras da produción foron á conta de melloras xenéticas, pois non había investimento en tratamentos químicos", engadíu.

Admitiu que non se consultou con ningún sector para facer as probas pois o proceso de investigación é moi longo e quérense presentar resultados "para que todos os posibles beneficiarios poidan escoller se lles interesan ou non", agregou.

Tamén se necesita a intervención do consumidor

A maior parte da pataca producida véndese aínda a granel (as 10.000 toneladas non certificadas de "kennebec") debido a que o consumidor non valora a diferenza entre a supervisada polo consello regulador e a que non o está.

Álvarez Pousa considera que o consumidor debe comparar calidades, reclamar as que non se cumpran e apostar polas patacas certificadas como "Pataca de Galicia", ademais de ampliar "os seus gustos" e abrirse a novidades no sector, como a aparición de tubérculos de carne máis amarela ou a de carnes de cor violeta "que se implanta desde unha empresa do País Vasco con certo éxito", agregou.

"É curioso pero só en Galicia se aprecia especialmente a pataca de carne branca, mentres que no resto de España e parte de Europa a apreciada é máis amarela, o que permite abrir moitísimo o abanico de variedades rendibles que incluiría ás que estamos a probar dos países da antiga Europa do Leste", concluíu.

Tamén para esta concienciación hai referentes e tamén neste caso, no País Vasco, onde a actividade de asociacións gastronómicas favorece a celebración de degustacións de diferentes variedades de patacas polo que os consumidores están informados e poden elixir, engadiu o técnico.

Ourense tamén quere ser paraíso da pataca de semente

O director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro explicou a GG que Ourense foi durante moitos anos a primeira produtora de España de pataca de sementa pero isto cambiou radicalmente nos anos 80 do século XX ao non poder competir cos prezos e producións de multinacionais.

Agora, cando xa está asentado o cultivo de moi poucas variedades ("kennebec" para consumo en fresco e "agre" para a súa transformación industrial en pataca frita) xorde a necesidade de ampliar os cultivos a variedades máis adaptadas a cada necesidade e, para abaratar custos en Galicia, a posibilidade de recuperar o cultivo de patacas para sementa.

Nese sentido, a empresa con sede en Lugo Calfensa, desenvolve un proxecto no municipio da Veiga (coas maiores alturas montañosas de Galicia como Pena Trevinca) para producir semente de "kennebec "

"Trátase de dar con sementes resistentes ao pulgón cuxo voo e transmisión vese dificultado en determinadas condicións xeográficas e climatolóxicas, como as que teñen no norte de Francia co mar cerca, e nas serras e altas montañas con boa ventilación, como ocorre en Ourense", agregou.

Tamén se están probando variedades procedentes de Polonia, Romanía e Hungría, cun proxecto do Inorde en 2 hectáreas de terreo de Viana do Bolo, "para coñecer a resistencia desas patacas e estudar a posibilidade de obter con elas patacas para semente".

Na actualidade, as patacas para sementar chegan a Galicia e ao resto de España desde Holanda, Francia, Alemaña e Inglaterra, por esa orde segundo Ana Ponce de León, responsable de Relacións Internacionais do "Comité Norte" francés, que é a asociación de 430 produtores de patacas de sementa que cultivan 10.865 hectáreas terras en todo o norte francés, por encima de París para producir 300.000 toneladas, só para semente.

Parte desa produción do "Comité Norte" empeza a destinarse á exportación e, segundo Ponce de León, xa se expoñen como obxectivo superar o 20 por cento actual de pataca de sementa exportada, entre outros lugares, á Limia a través de contratos plurianuais.

Salón monográfico único en Europa e concurso de tractoristas

Xinzo de Limia acolle cada dous anos o único salón monográfico de Europa que reúne a representantes de todo o ciclo desde seméntaa ata a comercialización do tubérculo, incluíndo fabricantes de manquinaria, de fitosanitarios, envasadores, investigadores e produtores, procedentes de todo o mundo.

O último fin de semana de novembro celebrouse o segundo salón que incluíu como novidade un concurso para tractoristas no que 37 participantes competiron por aparcar no menor tempo posible, un tractor cun remolque de rotación libre.

O gañador foi Alberto Fernández Dacal de Rairiz de Veiga, que aparcou o tractor en 4,59 minutos, seguido de Francisco Javeir Losada de Xinzo de Limia que investiu na operación 5,06 minutos, mentres que o terceiro foi Elio Campos de Sarreaus, ao que lle levou 5,16 minutos a manobra de aparcar marcha atrás.

O salón incluíu catas de patacas, entrega de premios ás mellores tapas elaboradas por todos os restaurantes céntricos de Xinzo de Limia desde o mes de xuño, concurso de identificación de variedades de patacas e xornadas técnicas.

Comentarios