'Caney', un libro máis que gastronómico

O Restaurante Caney, do grupo Araguaney, presenta 'Caney' un libro do xornalista e escritor Xurxo Fernández. O libro fai un percorrido pola cociña ao longo da historia e a relación da gastronomía coa literatura pasando por anécdotas de celebrities que deixaron pegada.

O subtítulo da obra, 'breve historia da cociña, unha reflexión para sibaritas, sobre gastronomía en Galicia e o nacemento dun perfecto modelo contrastable' indica que non se trata dun libro gastronómico convencional.  As receitas xorden de entre as diferentes historias que se van tecendo ao redor da arte da cociña.

Na presentación de 'Caney' no hotel Araguaney, en Santiago de Compostela, Xurxo Fernández estivo acompañado da presentadora Nelly Fernández e da actriz palestina Yasmine Al Massri. A presentadora afirmou que se trataba dun "libro interesante e fácil de ler que nos sorprende a cada páxina". As páxinas de 'Caney' son, segundo as palabras do autor, un "anecdotario universal que incumbe ás pequenas historias que falan de gastronomía, de que se alimentou o home ao longo dos séculos, e non só no referente á comida". Deste xeito, 'Caney' establece un lazo entre a mesa, a historia e os diferentes aspectos da vida. Así sexo, literatura e cociña entrecrúzanse en reflexións sobre a relación entre a mesa e a cama. O autor chancea e asegura que a "posoloxía do libro" indícase para antes e despois das comidas.

"Non quería caer no libro de receitas", repite Xurxo Fernández, quen considera a gastronomía como base para a creatividade e punto de encontro doutras disciplinas artísticas. No libro, Fernández nomea a persoas de transcendencia histórica como Rousseau ou Voltaire e a mitos como Gargantúa, sempre vinculados á boa mesa. "En tempos de crise a comida axúdanos a sobrevivir espiritualmente", declara o autor, quen asegura que 'Caney' "une directamente arte, amor, música e comida".

Comentarios