As 8.25 no polémico after

El Combo Doninicano. AEP
El Combo Doninicano. AEP
A luz branca do verán rouboume a maxia de ver aos meus amigos bañados polo azul da policía e o laranxa das ambulancias.

NON O VOU admitir diante deles porque todo o mundo odia ao primeiro que dá sinais de fraqueza cando se anda de festa, pero ben longo que se me estaba a facer o Carme de Arzúa; non era plan que durase ata o Santiago Apóstolo de Xustás, parroquia que é de Cospeito. Eu acordara no coche, que algo me deixaran durmir por iso de ser o único sen o carné retirado. Ata que abrín un ollo entre a calor, as bombas de palenque, a sesión vermú que empezaba e o brum brum brum pa-pa-pá do rally que bruaba moi ao lonxe, máis aló da chaira; antes de abrir o outro ollo, antes de sentir o pescozo a renxer e o amargo proído na boca, xa estaba o Salgueiro a poñerme unha copa na man, vaso de tubo e os xeos medio desfeitos polo sol da mañá.

Salgueiro dá volta, move sen moito xeito as grosas carnes sobre o chan poirento e desbloquea o móbil, que o tiña cunha imaxe de Vinícius a celebrar un gol. Como todos os vellos, abre o Facebook e grava unha historia en horizontal de non menos de vinte minutos onde conta o ben que o pasa e o guapas que son as  rapazas todas, e fai zoom nelas sen pudor ningún. Eu xa sabía que nos ía traer problemas, e algo raro vin no seu maleteiro cando había tanta corda, brida, cinta americana e medicamento sedante, pero non hai que tirar conclusións da xente que acabas de coñecer. Ademais o coche era seu: un vello Citroën BX coa suspensión hidropneumática que tanto gabei pola ansia de probalo como para safar de levar o meu descapotable. Que a saber como mo ían deixar estes cos que quedara por un grupo de whatsapp de Verbena FM. 

Dese grupo, Karla era moi activa. Controlaba as aliñacións das orquestras, o calendario como se fose a mánager e sabía mil rexoubas, porque ben coñecedes que as formacións cambian moito, o que era dos Satélites vai para a Olympus e a voz coa que tan ben empastaba agora písalle á nova cando ninguén mira, como os defensas uruguaios antigos. Karla vese que é unha muller viva, de carácter, igual un chisco de máis porque actúa con violencia sen vir a conto, pero andaba o máis do tempo arredada a berrar polo móbil. No fondo de pantalla unha foto do fillo, o primeiro que fixo ao presentarse. A ocabróndopai non nolo presentou, pero axiña sacaba o tema, e inchaba a vea e puña as mans polo aire: que se ocabróndopai por aquí, ocabróndopai por alá. Esas mans acababan indo máis pronto que tarde  cara os pelos doutras mulleres da festa, soltando cousas como quítalle a denuncia, tola, inventadora, el a Teixeiro polo meu fillo que non volve, unhas cousas que bueno, facían que eu tivese que agarrar o coche ás presas e saír todos de alí para repetir o proceso noutra verbena.

Esta viaxe á fin da noite ía como un funil de paredes a cada hora máis estreitas, pero esa impresión debía ser a miña porque non teño o aguante suficiente. Se polo parabrisas, afinando a vista entre os mosquitos estampados e os ollos cansos, viamos as luces doutra festa a filtrarse entre os eucaliptos, un dicía: aí non podemos ir, aí non me van deixar pasar, ese sitio mellor que non. 

De maneira que por descarte baixamos á cidade na busca do polémico after. Non vou negar certo orgullo en que fose idea miña; tantas veces o sentira  polos sucesos, que curiosidade. Como non está en Google Maps tivemos que seguir o rastro de sangue, mexos e outras sustancias ata chegarlle á porta. Mirei para nós co chip de se nos deixarían entrar con estas pintas: Salgueiro coa camisa de cadros de manga curta e un vaqueiro sen forma, Karla inda ía ben, moderna se isto fose o 2015, e eu en bañador e camiseta do Supermartes.

Claro que nos deixaron pasar, inda que houbo miradas propias de cando entran os estraños. Gustounos a música, era como de verbena, pero alí ninguén coñecía La ventanita del amor nin sequera Suavemente, e pareceunos tan imposible como cando lle dan o Xerais a alguén que non tes nin idea, pero resulta que ten cen mil libros vendidos de fantasía romántica. Hai cans de raza perigosa dentro, como se fose un deses cafés con gatos de Toquio, e uns romanos que levan aí dende o Arde Lucus, recreando a lexión perdida de Craso supoño. Salgueiro e Karla non tardan en facer das súas e aparecen de comparsas a policía e as emerxencias: ben está que miren polo descanso dos veciños, pero o que máis o necesita son eu mesmo e que me libren destes amigos.

Comentarios