Opinión

O que arde

Non é o punto final. Un punto e á parte quizais. Como era de agardar, a sentenza do procés mantén abertas as purulentas feridas do conflito. Un antigo enfrontamento entre as elites económicas española e catalá encirrado nos últimos anos por políticos mediocres, que, esclavos dos seus resultados electorais, prefiren ver como todo arde se con iso logran rabuñar unha presada de votos. Precisamente a proximidade do 10-N impide o diálogo inmediato e garante o atrincheiramento en posturas que ata agora non achegaron ningunha solución. Da dereita pirómana do 155, nas súas múltiples manifestacións, non se agarda o cambio de rumbo. Tampouco do independentismo, e menos agora que pode capitalizar nas urnas un vitimismo quizais máis fácil de xustificar que nunca. E a socialdemocracia? Ocupada desenterrando ditadores, non vai arriscar o máis mínimo voto por tender nestes momentos pontes con Cataluña.

En canto ao propio contido da sentenza, o máis destacable é que recoñece, sen ambaxes, que os procesados non querían declarar a independencia; só buscaban presionar o Goberno de Rajoy. Admite tamén que a declaración nunca se produciu, porque diso se ocuparon ben os acusados. Puigdemont fíxoo en diferido e as resolucións do 27 de outubro no Parlament só eran papel mollado. Os maxistrados tampouco observan violencia organizada, nin falar xa de rebelión ou golpe de Estado. O 1-O foi un alzamento tumulturario. Sexa o que sexa iso. Na tan manida guerra dos relatos, nos mesmos feitos nos que uns ven de forma inequívoca violentos altercados, outros só ollan pacíficas protestas. Entra dentro do subxectivo. Pero o único real é que os condenados suman penas de máis de cen anos de prisión. Por pór en perspectiva, só tres procesados polo 23-F, un golpe de Estado tan real como as marcas que deixaron as balas de Tejero no teito do Congreso, tiveron castigos máis elevados que o de Junqueras. 

Comentarios