Opinión

O tac, tac, tac da vella Olivetti

Unha Olivetti, modelo Lexicon 80
photo_camera Unha Olivetti, modelo Lexicon 80, coma a do avó.
O inconfundible tac, tac, tac dunha vella Olivetti expándese desde unha ventá da Rúa Pitelos. Quen escribe a máquina en 2020? Imaxino un señor en batín xogando a ser Vázquez Montalbán. Tac, tac, tac. Sorbo á copa de coñac. Tac, tac, tac. A historia da miña familia escríbese a máquina. O meu avó aprendeu case por casualidade mentres a tía que o coidaba limpaba de madrugada nun banco da Habana. Iso permitiulle prosperar no regreso a Galicia. E ser, entre outras cousas, correspondente de El Progreso en Triacastela, que non é Beirut nin Saraievo, pero non está mal. Eu aprendín a escribir a máquina na Olivetti do meu avó. Agora teño unha pequena columna en El Progreso, que non é The New York Times nin Le Monde Diplomatique, pero tampouco está mal.

Comentarios