Se Alfonso Daniel se chamase Bad Bunny
Nada teño contra o reguetón. Non renego de ningún estilo musical. Boto dez horas ao día escoitando música, desde clásica de estar sentado a electrónica de bailar na pista. O meu problema coa música é que me gusta tanto que son consciente de que non lle coñezo as tripas. A música é un código matemático, como todos os idiomas. Ten unhas estruturas, unhas reiteracións e unhas cadencias que me custa identificar. O reguetón é máis sinxelo, pero fáltanme as normas que o ordean. Eu sei que ese estilo é máis para bailar que para cantar, e xa non teño o corpo para perrear.
Desculpen, estou reducindo os límites de Debí tirar más fotos cando as fronteiras dese disco son todo Porto Rico. Dentro desas lindes entran ritmos tradicionais mesturados co reguetón contemporáneo como a salsa, o son cubano, a música xíbara, a plena de raíz africana e o boleiro. Sobre esa base, Bad Bunny vai expoñendo temas como a xentrificación, o turismo masivo e a privatización de recursos naturais. No fondo, lanza unha mensaxe de dignidade fronte á subordinación como estado norteamericano que é desde que Eisenhower o invadiu; non con soldados, senón cun exército de televisores, a arma máis letal da historia da humanidade.
Estaba escoitano o álbum mentres lía Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco. Acordei dos 75 anos que transcorreron desde o pasamento de Alfonso Daniel Castelao o 7 de xaneiro de 1950 nunha cama branca e triste do Centro Galego de Bos Aires. A causa foi un cancro de pulmón. A min sempre me divertiu máis a versión que correu daquela pola Galicia maledicente, que culpaba a unha enfermidade da luxuria que deixaba en bastante peor lugar o noso santón nacional. Recordo ter lido hai un par de anos un informe médico angustiado que rebatía a rexouba.
Existe un fondo reaccionario, católico e puritano no noso nacionalismo que converte a Castelao e Rosalía en dúas figuras espirituais, alleas ao terreal e protomártires. Ninguén se atreve a afirmar a súa virxinidade porque ambos dous tiveron fillos e porque que Rosalía fose fecundada por unha pomba non tería credibilidade. En canto a Castelao, esfórzome en acreditar que superou todas as súas fraquezas humanas pola graza de recibir a revelación de que Galicia é unha nación. É a versión dos anos 50 de Deus entregando as táboas da lei a Moisés, a silva ardendo, o becerro de ouro,... xa leron a Biblia.
Vítor, un amigo meu, dicíame onte que o problema con Castelao é presentalo como o que non foi. Non foi un intelectual, non tivo un pensamento orixinal; senón que soubo explicar a Vicente Risco. Agora, na defensa teórica do carácter nacional deste país reproducimos o modelo cristián dunha santa e un santo como cabezas do sistema mítico que terma da nosa realidade. Rosalía é un modelo de Nai e Alfonso Daniel, o modelo de Fillo.
Un perfil armado por Murguía
Nunca saberemos quen foi Rosalía realmente porque Manuel Murguía ocupouse de armarlle un perfil para elevala aos altares, eliminando toda o defecto de carácter que puidese lastrar a súa humanidade. Podemos intuír quen era a través dos seus poemas, pero unha persoa ten catro planos: quen é, quen pensa que é, que pretenden que os outros pensen que é e quen pensan os outros que é. Nunca chegaremos ao primeiro, porque o seu home fixo un labor moi eficaz de ocultación.
Con Castelao, tanto do mesmo. Póñolles un exemplo. Todos coindimos na xenialidade dos chistes debuxados por Castelao, pero a toda xenialidade nútrese da imitación. O noso pai da patria estaba ao tanto, con toda a frescura e profunfidade, das correntes culturais europeas que daquela non chegaban ao país. Se vostedes buscan na rede o nome do humorista gráfico Gulbransson (1873-1956) descubrirán os debuxos sinxelos de Castelao, coa súa liña clara, e os chistes explicados en dúas ao pé de páxina. Sería raro que a Alfonso Daniel se lle escapase que o seu modelo de Noruega traballaba para unha revista de propaganda nazi; pero pode que decidise que o fin nacional explicase todos os medios.
Castelao non foi tanto un xenerador como un promotor. Un amigo meu, militante do Bloque, díxome antonte que reivindicalo como intelectual é un erro, que foi un político. Concordo en que foi un bo mobilizador de colectivos, un bo propagandista e un organizador de iniciativas que foron determinantes na nosa conformación administrativa actual como o Consello de Galiza.
Se Alfonso Daniel vivise hoxe tería o olfacto, a visión, a intelixencia articial e o autotune para usar o reguetón como instrumento para organizar e construír Galicia como nación.
Volvo a Bad Bunny, que me interesa máis como figura de difusión contemporánea. Fala en códigos que me interesan pola súa modernidade agarrada á tradición. Pode servirnos de modelo nacional. O cantante portorriqueño ten unha canción, La mudanza, na que fala das súas orixes. É un tema de salsa, nunha liña moi tradicional. Conta a historia dos seus pais. O pai era camioneiro. Coñeceu unha rapaza traballando na mudanza dunha casa.
Namoraron. El prometeu estudar enxeñería e casaren cando rematase. Cumpriuno. La mudanza fala do ascenso social dunha familia de trasportistas que acaba tendo un fillo que exerce unha profesión liberal e que ten, á vez, un fillo que logra ser unha estrela internacional da música.
A canción ten unha segunda lectura, nacionalista. Bad Bunny anima a preservar a identidade portorriqueña: "De aquí, nadie me saca, de aquí, yo no me muevo / Dile que esta es mi casa, donde nació mi abuelo / Yo soy de kin' R".
Nun segundo tema, en relación con este, denuncia a venta do país. Chámase Lo que le pasó a Hawaii. O arquipélago padeceu un proceso similar de sometimento aos Estados Unidos. O artista fai referencia aos xíbaros, que son agricultores portorriqueños que foron obrigados a migrar; do mesmo xeito que os nativos de Hawaii.
A canción critica a crecente presenza de turistas e empresas estranxeiras que desprazan á poboación local con frases como "Quieren quitarme el río / y también la playa / Quieren el barrio mío y que abuelita se vaya / No suelte' la bandera ni olvide el lelolai / que no quiero que hagan contigo lo que le pasó a Hawaii".
