El tiempo
viernes. 12.08.2022
El tiempo

O bucle dos crimes enganchados no jazz

Un periodista pode deixar de ser periodista. Javier Fraiz é periodista de Sucesos sen remedio. Para sempre. Non se escolle. Un periodista de Sucesos pode converterse en escritor, pero será un escritor de Sucesos. Javier Fraiz debutou no periodismo cun suceso, o asasinato de Laura Alonso; agora debuta na literatura con Morte no espello
Javier Fraiz. IÑAKI OSORIO
Javier Fraiz. IÑAKI OSORIO

JAVIER FRAIZ (Ourense, 1986) chegou á redacción do Faro na súa cidade en 2009 e xa lle caeu un suceso. Asasinaran a Laura Alonso en Toén. "Foi un caso desagrable, que chegou a toda a provincia. Algo moi triste".  Entrou na espiral de contar o crime, continúa xirando dentro.

—Non a dei abandonado. Cheguei a ter necesidade de afastarme de Sucesos e Tribunais. Aínda os fago. Nos últimos anos estou intentando contar outro tipo de cousas para desafogar, para non quedar parado. Informar sobre sucesos é un traballo esixente e pouco agradecido. Un erro pode ser problemático. Ten pouca recompensa. As fontes son pouco permeables. O protagonista da miña novela ten un fastío dos sucesos.

Fraiz tamén, pero volve sobre o asunto en Morte no espello (Galaxia).

—É un bucle do que non dou saído. O protagonista logra liberarse, pero eu non son tan decidido. Vaste afacendo a rutinas e xeitos de traballar. A ver,... non estás na fronte de Ucraína. Hai traballos que son máis complicados. Somos o resultado do que lemos, do que viaxamos. Hai ámbitos que fun absorbendo por ósmose policial e xudicial. Hai quen aconsella que debes escribir do sabes, que é máis fácil.

Javier sabe tamén de jazz. Na súa novela hai un crime, un bispo que desfruta picando o vinilo do Kind of blue de Miles Davis. A maiores hai un chapeiro.

—A idea era retratar os abusos de poder nunha cidade, Presenza, na que dous mundos afastados acaban por relacionarse polo sexo e a morte. De non ser polo sexo o bispo e o rapaz non se terían coñecido e a morte é un final compartido por todos.O bispo ten unha carga inevitable de que, quen detenta o poder, abusa del. O bispo é o poder como abuso. Hai culpas que para el son máis potentes que un asasinato.

O asasino e a vítima teñen cara dende o primeiro momento. O autor púxose o desafío de que ir amosar a bóla de pan ao principio para, despois, ir botando as migas polo camiño de 275 páxinas, de ser seguido polo lector curioso.

A culpa é importante na novela, é un motor

A obra está determinada pola ética social e a moral católica. Non faltan o mal, a culpa e o arrepentimento.
—Fun a un colexio de monxas, ás franciscanas, ata segundo de bacherelato. Rezabamos durante cinco minutos antes de empezar as clases de Bioloxía. Antes da ciencia, había cinco minutos de rezo. Era contraditorio. A culpa é importante na novela, é un motor.

O comisario, Anxo Álvarez, está a piques de xubilarse; pero non se rende.

—A ética persoal e profesional é importante. Conseguer sobrepoñerse, saír adiante coa vocación é importante. Para Anxo o máis fácil sería deixarse levar porque está entre paixóns incómodas. En lugar de obedecer e facer o cómodo revalida o compromiso profesional de rexerse pola verdade e o traballo. Grazas a iso non hai impunidade. Outros profesionais atopan o camiño polo seu labor. Asume o traballo de xeito venerable.

O periodista de Morte no espello, Pablo, está farto, pero non se rende.

—Retrata os procesos dalgúns traballos que requiren baixar aos infernos, que provocan querer deixalo, e agroma unha nova ilusión pola ética e pola vocación que fai que un siga adiante. A historia de Pablo non é a miña historia. Ten un xefe insoportable e uns compañeiros que miran polo seu, unha rutina alienante. Consigue outras saídas, o comisario axúdalle a seguir co compromiso profesional e persoal. Aprende que pode desenvolverse.

Na cerimonia houbera jazz, claro. Tocaran os Soul Jacket


Don Salvador escoita un vinilo. Escribe Javier Fraiz: "O álbum gravouse en pouco máis de dez horas repartidas en dúas sesións, o luns 2 de marzo e o mércores 22 de abril de 1959. Os músicos poboaban a nave dunha igrexa deserta de Nova York. Non había partituras. Así naceu Kind of blue". A epifanía dun disco na presada dos máis importantes do jazz foi unha sorte de casualidade e falta de conciencia da importancia do que se manexaba. Bill Evans estaba ao piano. Faltaban moitos anos para que morrese desmoronado pola heroína. Na última semana da súa vida unicamente comía caramelos para adozar o amargor final na boca.

Cristina Pato, que tamén é de Ourense, contoume o xoves no café Centro de Lugo que vive no Greenwich Village, cerca da casa onde viviu Dylan Thomas, entre o local onde empezou a tocar Bob Dylan e o local onde Bill Evans gravou o seu mellor álbum, Live at the Village Vanguard. "É o meu lugar soñado para vivir", enxalzou a profesora, pianista e gaiteira.

—Co jazz pasoume o que pasa cando escribes unha primeira novela, que intentas poñer todo o que che gusta para deixar claras as túas referencias. Eu non sabía o que ía acontecer con este libro, nin sequera sei se vou publicar outro. É unha marca de autor novel.

A entrega de Fraiz ao jazz foi paralela ao seu matrimonio. A lúa de mel consistiría en viaxar ao campo máis fertil do jazz: os Estados Unidos. Compraran entradas para un concerto de Winston Marsallys no Lincoln Center e para un concerto do líder de Wilco, Jeff Tweddy, co seu fillo na batería.

—Convivo a diario con fobias e obsesións, por desgraza. O teu corpo fala por ti. Despois da voda empezamos a facer as maletas e a preparar os billets de tren para saír cara a Madrid, onde colleriamos o voo a Estados Unidos. Quedei paralizado polo temor a coller o avión. A miña muller díxome con xenerosidade: "Non te preocupes". Foi un xesto que sempre lle agradecerei. 

Na cerimonia houbera jazz, claro. Tocaran os Soul Jacket.

—Comprara o seu disco Wood mama e quedara alucinado. Pensei que eran norteamericanos, pero eran de Nigrán e Vigo. Aceptaron tocar na voda. Non lles pedín canción ningunha. Tocaron a súa música.

Tamén soou o jazz na lúa de mel alternativa.

—Fomos a París en tren con escala en Madrid. Asistimos a un concerto no barrio do Marais. Non recordo o nome da banda. O plan B salvou a lúa de mel. Foi o primeiro gran sacrificio da miña muller.

Pensei que estaría ben recompilar as crónicas de concertos e publiquei Abro comijazz"

Javier Fraiz non puido viaxar a Nova York, pero Ron Carter veu a Galicia e o coñeceuno. Carter é o músico de jazz que gravou máis discos, varios formando parte da banda de Miles Davis. A primeira entrevista foi no Café Latino de Ourense.
—Foi un señor moi amable e comprensivo. Axudoume co meu mal inglés.

A segunda, no festival de Lugo, onde "algo se me iluminou. Pensei que estaría ben recompilar as crónicas de concertos e publiquei Abro comijazz".

—O meu trato con Ron Carter foi esporádico, pero tratoume con cariño. É algo que che marca.

O descubrimento da súa música favorita tivo un tempo e un lugar concretos.

—Lembro o meu tío Antonio bailando Sex machine de James Brown na alfombra do salón. A tenda Peggy Records, de Ourense, tiña un catálogo moi importante. O seu dono, Carlos, prescribíache a música que che ía gustar. Coñecía os seus clientes mellor que o algoritmo.

O espítiro de Morte no espello atende ao consello que deu Miles Davis a Bill Evans, John Coltrane, Cannoball Adderley, Paul Chambers e Jimmy Cobb cando se dispoñían a gravar Kind of blue case sen marcas que lles indicasen cara a onde tiña que soar:
—Tocade como se flotásedes, rapaces.

O bucle dos crimes enganchados no jazz
Comentarios