domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

Cristos, lourdes, croissants e caídos

Homero escribe os 24 cantos da Odisea para explicar que hai que volver a casa antes de que se enfría a cea. Ulises prende en todas as silveiras. Deixa que o líen lotófagos, cíclopes e outros menesterosos. Esa lectura sobre a obriga de volver en tempo, que era a orixinal, non a entendeu ninguén. Dende aquela pensamos que a viaxe debe ter un propósito.

EU EXCUSO DE buscar motivos para viaxar a Francia. A miña muller torce a boca. Cita a Laxeiro: "Que bonito e que carallo de xente". Nas nosas viaxes, na nosa vida, ela ordena e xestiona a realidade. Entre mentres, eu leo Le Monde no móbil tomando un café. Como os franceses rexeitan falar a lingua que nos une, o inglés, teño que traducirlle do francés. Do meu torpe, inexacto e limitado francés.

A xustificación deste ano foi visitar Archachon. É unha cidade da costa oeste, na Xironda, onde estaban todos os rabudos conservadores que frearon as salvaxadas da Revolución Francesa. Coñecín Arcachon nunha novela de George Simenon, O can amarelo. No libro cubre os tópicos de muelle pintado con cotra negra, mariñeiros que almorzan augardente, guindastres oxidados, prostitutas desafiuzadas da felicidade que taconean ata a madrugada, cans sen dono botando instancias para atopar un óso que rillar. Na realidade, é unha factoría de comedores de ostras fronte a unha praia cun carrusel para nenos.

Tras o meu motivo declarado había outro oculto, que era soñar os meus antergos. Antón participou nun macroestudo mundial sobre xenética. Mandou cuspe a nonseiqué universidade de Estados Unidos. Devolvénronlle un mapa no que pintaran unha mancha de ADN. Parecía un hematoma de RH negativo. Estendíase a norte e sur de Irún e Hendaia. Antón é o meu fillo. A análise confirmou a afirmación da miña familia paterna de que temos orixe francesa; vasca, pero francesa. Pareceume un plan divertido soñar cos Jaureguizar de oito xeracións atrás asaltando o castelo de Bidache ou contemplando con escepticismo como os xudeos de Bastida, expulsados de España e Portugal no século XVI, enterran os vellos no campo alto que compraran cerca da igrexa católica para asentar o seu cemiterio.

Logo de atravesar a fronteira, en canto paro tomar un café, sinto a ilusión infantil de pisar un solar sobre o que se ergueu unha república. Talleyrand escribía en 1797: "Todos os gobernantes rouban, pero os Borbóns pásanse".

Luís XVI e a princesa Habsburgo casaron en 1770. Celebrouse un concerto con fogos artificiais de dimensións inauditas. Foi "unha noite de loito"

Mesturar os negocios do reino cos negocios personais alivia a tensión de gobernar. O expresidente Nicolas Sarkozy conta os primeiros minutos en solitario no despacho do Elíseo, grande coma unha cancha de badminton. "Pensei na estrañeza da situación. Eu quixera, agardara, soñara. Agora estaba. Como non decepcionar aos franceses que me deran a súa confianza?". Na seguinte frase descende ao plano persoal: "Non tiña a ninguén cara a quen volverme. Pechei os ollos. Todo un golpe, a gravidade e, sobre todo, a soedade propia da miña función caeron sobre o meu lombo".

Non demos enderezada a dinastía gala en douscentos anos. Luís XVI estivo a un paso de extinguila. Apoiou o pescozo docemente no toro dunha carnicería próxima que lle puxeron no patíbulo e era xélido con María Antonieta. O historiador Jeremy Popkin conta a chegada da rapaza vienesa á corte no seu novo ensaio, El nacimiento de un nuevo mundo (Galaxia Gutenberg). O titor do príncipe desconfiaba de Antonieta por austríaca; pero o monarca, Luís XV, logo quedou arrebatado "pola súa alegría, os seus encantos e a rapidez nas súas respostas".

Luís XVI e a princesa Habsburgo casaron en 1770. Celebrouse un concerto con fogos artificiais de dimensións inauditas. Foi "unha noite de loito". O público apretouse con tanto fervor que explotou nunha fuxida. Houbo un cento de mortos por pánico e esmagamento. Os parisinos diagnosticaron maleficio para o casamento. Despois valeríalles para explicar os oito anos de sequía dinástica. O motivo foi máis sinxelo. María Antonieta confesou que o seu home, que tiña o furor dos 16 anos na noite de vodas, a cubría "durante dous minutos sen moverse, retírabase sen aliviarse e daba as boas noites".

Os galos curtaron a cabeza do seu último rei, polo que non conciben que o xefe de Estado sexa elexido na ruleta dun dormitorio real. Pero continúan añorando o boato. Sarkozy enumera os convidados da súa toma de posesión: "Importantes representantes constitucionais, inevitables excelencias, embaixadores, habituais do palacio da República que non perderían por nada do mundo esta entronización ao tempo republicana e monárquica", conta nas súas memorias, O tempo das tempestades (J’ai Lu). Compreino en Mont de Marsan, que ten un equipo de rugby valeroso e un festival de jazz respectable.

Os países católicos inventaron o mellor antídoto contra o pecado: pedir perdón. "Lo siento mucho/ No volverá a ocurrir/ Mezclé la medicación con el wishky"

Ao sur de Hendaia veñen de presentar indicios de que o prófugo non era soamente "o noso mellor embaixador", senón tamén un opaco comisionista internacional. Escoiteillo cantar a Los Planetas en El rey de España: "Lo siento mucho/ Me he equivocado/ Demasiadas mujeres reclamaban mi afecto".

Os países católicos inventaron o mellor antídoto contra o pecado: pedir perdón. "Lo siento mucho/ No volverá a ocurrir/ Mezclé la medicación con el wishky". O mecanismo é sinxelo e inmediato porque pides clemencia e logo estás excusado. Nós bordamos ese relato mítico na saia da Carolina: "Baile, baile; señor cura!/ Que Deus todo llo perdoa". Francia é católica ata o punto de que os debuxantes dos chistes máis desagradables contra a relixión, Charlie Hebdó, publicaron unha portada na que proclamaban que "Todo está perdoado" nunha mensaxe dirixida aos asasinos dos seus compañeiros.

O día do atentado eu estaba collendo un avión para Roma. Lin a barbaridade nas pantallas de Barajas. Levaba unha tempada co sabor amargo das pilas eléctricas na lingua, de non ver unha árbore fresca na miña paisaxe. Saber que podías inmolarte por facer chistes sobre Mahoma non me axudou a erguer o ánimo. O primeiro que fixen na mañá posterior ao atentado foi coller un taxi á sede do xornal Il Mesaggero, en Vía del Tritone. Quería comprobar a angustia e a seguridade. Había carabineros embozados e ametralladores con dous coches patrullas.

Este verán vin novamente eses reforzos policiais contra o medo na sinagoga de Burdeos. Unha placa recordaba o Tren da Noite, un sinistro convoi no que os nazis enviaron unha chea de xudeos locais á estación terminal o 8 de agosto de 1944.

Calculou que lle quedaban 1.825 días ata marchar ao cemiterio. Finaría o 1 de abril de 2019. Gozaría cada hora de amor xunto a Hélène para ser eterno mentres ela vivise

Bastida é unha vila topicamente vasca. As rúas están delimitadas por casas brancas con trabes de madeiras pintadas coas cores da bonita ikurriña. Ao tempo é a mesma vila de toda Francia. Os cristos, as lourdes, os croissants e o monumento que chora polos trinta rapaces da parroquia que se desangraron pola patria entre 1914 e 1918. As tumbas máis recentes son do século XVIII. Os xudeos marcharan unha vez máis.

Enmanuel Carrére conta en Yoga (Anagrama) a curiosa e deprimente de Bernard Maris, o economista e polemista radiofónico que colaboraba en Charlie Hebdó. O 1 de abril de 2014 comunícaronlle que se lle apodrecía o estómago. Desesperou, claro, pero logo transformou ese desespero nun xogo de balanza entre a vida e a morte. Calculou que lle quedaban 1.825 días ata marchar ao cemiterio. Finaría o 1 de abril de 2019. Gozaría cada hora de amor xunto a Hélène para ser eterno mentres ela vivise. Cando os irmáns Kouachi varreron con balas a redacción da revista satírica o 7 de xaneiro de 2015 cortaron a cabeza dese amor que, como todos os amores, era tan normal como singular.

Diante do edificio de Il Messagero, mirando como cada periodista que entraba tiña que identificarse, pensei en que o noso mundo cambiara sen volta atrás. Confirmeino en Berlín cando esquencín o DNI nunha libraría. Comprara un libro de arquitectura en alemán. Non dei comprendidos os textos, pero as ilustracións ben as entendes a nada que saibas galego.

Solucionei o problema da identificación coa policía do aeroporto, que me redactou un salvoconduto. Ao aterrar en Barajas souben que anularan os voos dende Berlín por unha ameaza xihadista. Os atentados parecen fogos de artificio anárquicos se os comparamos coa pandemia.

Cristos, lourdes, croissants e caídos
Comentarios