domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

A derradeira bala de Manuel Jabois

Solicitei unha entrevista a Manuel Jabois. Contestoume atento: "Chámame cando vexas que amence, por favor". El estaba en Pontevedra e eu, en Lugo; así que deixei pasar un cuarto de hora dende que o sol emerxeu das augas do Alto Miño porque nós amencemos antes.

A MIÑA PETICIÓN de falar viña motivada por Miss Marte, a novela que estrea. Publicar un libro con respaldo editorial como o que che garante Alfaguara ten a carga impositiva de repetir durante tres semanas a sinopse, meter unha anécdota local e facer unha reflexión ata rematar cos puntos de vista exhaustos. O último sobre o que desexa falar un escritor é sobre o seu libro. Os pintores evitan as entrevistas. "Todo o que teño que dicir sobre a miña obra está na miña obra", explican indicándoche o cadro colgado na parede da galería, como se todos tivésemos unhas gafas artísticas idénticas ás súas. As respostas dos escritores, cando levan vinte conversas con xornalistas, son un camiño que podería percorrer nunha noite de lúa nova. A esa altura falan coma opositores a notarías, nun mantra insconsciente. Os novelistas queren falar, moito, insaciablemente; pero non lles interesa facelo sobre a súa novela.

Eu nunca escribo un cuestionario cando entrevisto a unha persoa. Unha lista de preguntas establece un marco para as entrevistas que limita a liberdade de movementos do personaxe. Así que collo un folio e escribo o nome do entrevistado e o encerro nun rectángulo. Todo o que necesito ter presente na charla é o nome, como os vendedores de coches cando tratan de que compres o modelo que veñen de sacar no catálogo. A diferenza deles, entrevistar consiste en estar calado o maior tempo posible. Escribín o seu nome, Manuel Jabois, tracei o rectángulo e puxen debaixo: «Que?»

Erguínme cedo para tomar un café mentres deixaba amencer nas Rías Baixas. Daquela chameino: "Manuel Jabois, que?" El leva 23 anos escribindo en prensa. Un periodista é un tipo capaz de collerche un teléfono e contarche dez boas historias. Unha tras outra, sen pararse a pensar.

Cada mañá subía a un autobús para chegar a clase ás nove e regresaba no bus das dúas da tarde

O escritor remontouse a cando tiña 18 anos, vivía en Pontevedra e empezaba os estudos universitarios. Filoloxía Hispánica en Vigo. Cada mañá subía a un autobús para chegar a clase ás nove e regresaba no bus das dúas da tarde. Estaba tan contento con aquela vida ordenada que se molestou en aprobar unha asignatura para poder continuar outro curso.

Ninguén soubo daquela que coñecera a facultade o día do derradeiro exame. Nunca collera o transporte.
—Quedaba co meu amigo Anxín e coa miña moza, Lourditas, e botaba toda a mañá na Biblioteca Pública.

Ninguén había de buscalo alí. "Non quería estudar nin había nada manual que se me dese ben. Non podo facer nada con esa torpeza, así que tampouco traballaba". Aproveitou o tempo lendo. Hemingway, Fitzgerald; toda a Xeración Perdida. Tamén os libros de Pivano sobre a Xeración Perdida, Cela, Delibes e os xornais.
—Gustaríame ver a ficha de lector que tiña daquela para saber o que lin.
Pero non se atreveu a regresar nunca pola biblioteca pública. Pasaron 23 anos, pero aínda hoxe lle dá apuro.
—Levei para a casa O lobo estepario de Hesse e non me acordei de devolvelo.
1998 é o ano máis "inconsciente e feliz" na vida de Jabois. "Foi como regresar á placenta". En maio molestouse en buscar a data do último exame do curso.

Estudou durante tres días e, ao cuarto, chamou a Anxín para que o acompañase no coche a Vigo. "Disparei a última bala". Jabois recomenda no seu libro que, se xogas cunha pistola á ruleta rusa, non vaias premendo no gatillo pouco a pouco; senón que o fagas rápido, sen pensalo. O único xeito de someter á sorte é facelo sen análise.

    O director pensou que aquel rapaz espelido ben podía escribir sobre os plenos municipais, os resultados deportivos e os enterros

Manuel Jabois recoñece que ese ano foi tamén o "máis vulnerable" dos que pasou. Chámalle "sorte" a telo transitado e atopado unha estabilidade antes de que pasase. A sorte non existe. No seu caso é unha inesperada mestura de talento, audacia, perseverancia e impostura. Ese ano empezaba a escribir nun periódico sen ter escrito porque se cruzaron os planetas. O correspondente en Sanxenxo do Diario de Pontevedra deixou a responsabilidade na que substituíra ao avó de Jabois. O director pensou que aquel rapaz espelido ben podía escribir sobre os plenos municipais, os resultados deportivos e os enterros.

As lecturas foron importantes no 1998 de Jabois. Foron o atallo ao xornalismo, pero tamén foron importantes Anxín e Lourditas. Parece darlle moita importancia ás amizades. Na primeira escena de Miss Marte hai unha voda.

—Fun moi feliz nas vodas. É un momento de exaltación pandilleira, de encontrarse os grupos de amigos. Hai unha parella que sente un amor puro, sobre todo se os dosu son novos, e o resto dos amigos orbita arredor del. Pensei en que pasaría se nunha voda perfecta, cun día de sol, desaparecese un neno.

O lugar para ambientala déronllo a guionista Ana Cermeño e o actor Miguel de Lira un día en Madrid. Contáronlle unha historia de pescadores da Costa da Morte que entran no mar con botas. Xa non lembra o motivo de facelo, pero si a anécdota.

—Eu son un escritor das Rías Baixas, pero aquí a mar é moi tranquila e eu quería unha mar na que houbese vida no fondo. Na Costa da morte hai barcos afundidos, esqueletes, ósos.

A seguinte idea foi Marte "porque o máis parecido á vida extraterrestre é a que hai no fondo do mar".

A protagonista de Miss Marte, Mai, non quere ser ela. Por iso activa a súa audacia e a súa impostura, pero Manuel Jabois non quere ser outro, nin sequera ter sido outro. Si, o Santiago universitario é o seu misterio, a experiencia que non puido vivir. Sábeo, pero non se lamenta

—Eu era moi vulnerable e non me fiaba de min mesmo neses anos. Daquela queres vivir e rir, pero debes facelo cunha certa orde. Eu tiña un traballo con 19 anos e iso supón unha responsabilidade. Se chego estudar non tería feito o que fixen. Dáme medo non ter unha rede. De adolescente tiña o pesadelo de vivir na rúa, de non ter calefacción e comida; algo que todos deberíamos ter.

Pode contarche dez historias sorprendentes enlazándoas sen mover un músculo máis dos imprescindibles

Así que o setembro posterior á primavera de gastar a única bala no derradeiro exame que podía facer de Filoloxía Hispánica empezou a escribir no Diario de Pontevedra. Quince anos máis tarde, en plena crise económica, coa prensa desfacéndose coma unha resma de folios esquecida baixo a choiva, Pedro J. Ramírez ofreceulle escribir no seu xornal.

—Teño unha estrana facilidade para quedar durmido no medio da treboada, do caos. Para durmir poño documentais sobre barcos en medio de galernas, de naufraxios.

Así que deixei falar a Manuel Jabois. É entretido facelo. Pode contarche dez historias sorprendentes enlazándoas sen mover un músculo máis dos imprescindibles, sen forzar a voz, sen elevar o ton; a base de cambios de ritmo, de variacións do ton.

Logo de empezar a chamada desistín de entrevistalo. Non melloraría a entrevista que lle fixo Belén López neste xornal. Ao cabo Jabois non tiña o día máis disposto a repetir as mesmas explicacións que dera a todos os entrevistadores anteriores e eu prefería outra conversa. Ao cabo eu lera Miss Marte. Na forma é singular, no fondo flotan as obsesións do autor: o tempo, Galicia, a paternidade, o amor, o xornalismo,... e descubrín outra: o medo a quedar fóra do mundo, tanto por perder a casa como por enlouquecer, por perder o sentido da realidade. A personaxe central da novela, Mai Lavinia, cita a poeta Emily Dickinson: "Canto, como fai o neno perto do cemiterio, porque teño medo".

Levabamos un tempo xeneroso conversando, sobre todo el, cando sentín que me chamaban para xantar. Eu non fora facer a compra e a miña muller traballaba, así que houbo pizza. Despedinme de Jabois con palabras agradecidas que non eran orixinais. Desexoume sorte. Eu non lla desexei. Sería inútil.

A derradeira bala de Manuel Jabois
Comentarios