viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

O milagre dos bocexos e a chuvia

Os únicos milagres nos que cría ata o xoves eran os que facía Berlanga nunha película de 1957. Despois estiven vendo Estrela do día, a obra que escribiu Quico Cadaval e cambiei de idea. Presenta un catálogo de marabillas sobrenaturais inspiradas nas Cantigas de Alfonso X a Virxe María. Estreou na Mostra de Teatro Clásico de Lugo
Quico Cadaval
Quico Cadaval

ÁS VECES Quico Cadaval vén a Lugo e acorda de chamarme. Son ensaios de milagre. O xoves citámonos no Casablanca. Estivemos falando sobre o equilibrio delicadísimo no que se sostén o teatro galego mentres. Eu tomaba café. Quico anoaba a barba de poliespán. Lévaa nunha trenza. Afirma que se a desprega coma unha fervenza paralizada teme parecer "demasiado patriarcal, demasiado Mini".

Media hora máis tarde incorporouse á nosa mesa de non convivintes o director de Estrela do día, Marcos PTT Carballido. El tamén usa barba, unha barba rubia que lle mana do queixo coma unha lingua luminosa de Pentescostés. Comparándoo coa barba manchada de experiencia de Quico, Marcos pareceume o «rey merovingio de barba florida» de Amado Nervo.

Era xoves, como en Los jueves, milagro, a película de Berlanga. A difereza é que non había uns listos que querían promocionar a súa localidade facendo aparecer un santo no balneario como no filme. Quico Cadaval foi máis rigoroso. A súa peza está inspirada polos milagres da Virxe María que describe Alfonso X nas cantigas.

A Igrexa definiu con precisión o pecado de blasfemia durante os 21 séculos desde que foi fundada. Perfilouno con tanto detalle que mesmo implicou a xustiza para perseguir un asunto que debería ser moral. Marcos PTT tamén está interesado nas ofensas a Deus e aos seres que o acompañan. Estreou en outono Ensaio sobre a blasfemia. Segundo nos explicou no Casablanca, é un monólogo no que traballa con dous blasfemos de reputación oficial: Carlos Santiago e Alberto Guitián. Carlos Santiago foi acusado por Abogados Cristianos, unha asociación que ten un radar sensible e amplo para as impartinencias relixiosas. A causa da denuncia atopárona nun pregón en Compostela. Guitián recibiu unha notificación xudicial promovida pola lucense Aurora Carro, que non é avogada, pero si cristiá. Non lle gustou un cartel de Antroido porque entendeu que Guiti se burlaba do papa Francisco.

Carlos Santiago augura que Producións Excéntricas vai ter problemas coa montaxe de Estrela do día. Tal vez porque el sabe onde están os marcos que separan a provocación da ira.

Quico Cadaval non paraba de bocexar mentres falabamos no Casablanca. Quero pensar que non durmira ben e que viaxara dende Santiago. Quero pensar que non era culpa da miña conversa. O día estaba solleiro, pero o dramaturgo bocexou unha vez e empezaron a caer pingas do Ceo; bocexou por segunda vez e un vento frío botouse a correr toleirán pola cidade; bocexou por terceira oportunidade e unha treboada arrastrou toda a luz de Lugo cara ao río Miño nunha escorrentía apagada. Esa versión para público familiar do Diluvio Universal pareceume un milagre ateo.

Somos libres mentres somos nenos. O marco que lle poñemos despois á expresión está cercado

Falamos sobre o teatro medieval. Cadaval contoume que a estimación máis aceptada sobre a orixe do teatro é que naceu nos patios dos castelos. As representacións de teatro eran "un espello" dos actos litúrxicos que se facían nas catedrais.

O patio é un lugar de encontro distendido onde sempre acontecen cousas interesantes. O patio do Liceo Francés de Barcelona é o lugar no que se sente atrapada a protagonista de Gema, a novela de Milena Busquets que publica agora Anagrama. A protagonista é unha adulta que trata de averiguar o que lle acontecera a Gema, unha compañeira que morreu de leucemia aos 15 anos. Gema soamente puido ser nena e moza; nunca adulta. Viviu a quinta parte da súa vida. A novelista está convencida de que a plenitude da amizade chega aos 15 anos cando madura esa vivencia brilantísima que experimentamos na infancia. A amizade non cesa de empeorar despois nin un minuto pola diverxencia das nosas vidas e intereses.

Somos libres mentres somos nenos. O marco que lle poñemos despois á expresión está cercado. Ensaio sobre a blasfemia, a obra de Marcos PTT, Carlos Santiago e Alberto Guitián trata ese tema. A liberdade de expresión tan importante que se dá por suposta. Cando existe, ninguén a bota en falta. Marcos cóntame o arco temporal da súa peza:

—Comezamos por Spinoza e chegamos aos nosos días.

Baruch Spinoza era Bento Spinoza, como lle puxeron os pais despois de emigrar xuntos a Amsterdam para protexer a súa liberdade de ser xudeos. Nesa cidade naceu o fillo, Bento, en 1632. Os pais foran esixidos e esixiron, foran expulsados e expulsaron. En 1655 aceptaron a disposición dos rabinos de que o fillo vivise afastado da comunidade. Condenárono por dicir aquilo tan panteísta de "Deus sive Natura", Deus é a Natureza. Bento tivo que deixar o negocio familiar de froitas e especias, e tamén rexeitou unha pensión vitalicia para calar. Marchou silenciosa e vergoñentamente. Dedicouse a puír lentes noutra localidade.

Calquera cidade pode acabar sendo un patio para facer representacións. París foi un teatro desgraciado durante a ocupación nazi

Eu expliqueilles a Quico Cadaval e a Marcos que me interesaba máis Uriel da Costa. Foi outro portugués asentado nesa mesma comunidade dos Spinoza, que nacera en Porto en 1580. Uriel levou ao extremo o seu ateísmo, polo que foi obrigado a ler en voz alta un texto de arrepentimento escrito polos rabinos e someterse a 37 lategazos. O peor foi deitarse á porta da sinagoga para que toda a comunidade pasase por riba del. A humillación duroulle dez días. Foi todo o que soportou antes de renunciar a seguir vivindo. Non soportou ser cuestionado no patio dos seus.O xeito de comportarnos no patio de recreo escolar, sendo valentes ou covardes, empáticos ou solitarios, explica como seremos como adultos,. Case que sempre somos adultos.

A personaxe da novela de Milena Busquets regresa ao patio do seu colexio porque necesita entender que lle pasaba á súa nai pola cabeza cando apareceu alí para anunciarlle que o pai morrera e que ela marchaba de fin de semana cuns amigos a París. A nai foi Esther Tusquets. Estaba divorciada de Esteban Busquets.

A narradora non puido despedirse do pai na derradeira oportunidade que ofrece a vida para facelo porque ignoraba que estaba grave. Delphine de Vigan pide na última obra, Las gratitudes (Anagrama) que alguén nos avise cando nos queda pouco tempo para despedir e agradecer: "Deberiamos recibir unha carta, unha advertencia, un mensaxe de voz, un SMS, eu que sei, algo meridiano sen ambigüidades: Señor Menganito, señora Fulanita, o seu primo, a súa amiga, o seu esposo, o seu veciño, a súa madre, corre o risco de desaparecer nun futuro cercano, por non decir inminente".

Nese patio do Liceo Francés nace unha novela, como dun patio revolto de Barcelona nacen as protestas pola liberación de Pablo Hasél. A posta en escena é tan espectacular como danina para a cidade. Nada positivo pode xurdir de que ardan furgóns con mossos dentro ou de que se derruben os escaparates de comercios asediados pola pandemia.

Calquera cidade pode acabar sendo un patio para facer representacións. París foi un teatro desgraciado durante a ocupación nazi. Hai unha biografía nova da actriz María Casares, A única, onde se fala deses anos. Cóntase que se viu obrigada a comerse un folio cun editorial do xornal clandestino e partisano Combat. A intérprete coruñesa saía da redacción en medio da madrugada acompañada do director e parella súa, Albert Camus. Atoparon unha patrulla de soldados alemáns que lles preguntou que facían na rúa tras empezar a hora do toque de queda. Mentres Camus quitaba a identifición para amosarlla á patrulla entregou a Casares, discretamente, a folla co editorial. Ela foino cortando e cachitos e coméndoo, co mesmo desagrado que se fose un filete seco demasiado pasado na tixola.

O milagre dos bocexos e a chuvia
Comentarios