Lunes. 20.08.2018 |
El tiempo
Lunes. 20.08.2018
El tiempo

As sete mortes felinas de Carvalho Calero

A Carvalho Calero acabáronselle as vidas. Houbo sete intentos de que fose homenaxeado no Día das Letras. Os sete chocaron nos muros defensivos da RAG

Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero

UN SORTILEXIO atribúelles unha capacidade de supervivencia xenerosa aos gatos. Poden vivir sete veces, coma nos videoxogos. Esa fortuna é, asemade, unha maldición porque limita as súas existencias. Dispoñen de sete vidas, de sete oportunidades, si; pero de ningunha máis. Poden anunciarlle seis veces á súa familia: "Morrín". Falar en pasado da morte propia unicamente se pode facer na infancia ou sendo reintegracionista. Ricardo Carvalho Calero finou seis veces para a Real Academia Galega (RAG). Este ano a propia institución alentou a familia cunha chamada telefónica, pero logo atrancou o mecanismo luminoso da esperanza.

En moitas fotografías, Carvalho Calero mira á cámara con limpeza e convicción. Viste un bigote lusitano. Polas fotos, deduzo que asumiría como un desafío da Academia os 16 votos que rexeitaron que fose celebrado durante o ano vindeiro nas Letras Galegas.
 Certo que Antonio Fraguas é merecente de marcapáxinas e discos de homenaxe na vindeira primavera, certo que a elección non é negativa —non se fai contra ninguén—; pero hai un matiz cando un candidato é ignorado varias veces. Carvalho seguirá na opacidade que lle asignaron as elites gobernantes por defender que nos unísemos ao esperanto da lusofonía. O ferrolán continuará sendo o Dom Sebastião añorado para os reintegracionistas.

Como toalheiro que toma a sombra e como bigotudo afeitado, cústame aceptar a proxección do galego que teñen os 16 membros da RAG que votaron contra o eneagá e a cedilla. O reintegracionismo é un regreso ao futuro. Mentres non baleiremos a Academia destas conviccións do nós sós imos directiños á extinción como país con cultura.

Tras a posición isolacionista albisco un complexo de vella fidalguía inchada, orgullosa e pacega. Veñen dicir: Nós creamos o galego e, polo tanto, o portugués; pero son idiomas distintos dende que o Capitán Mudarra venceu o sangue, o suor e as bágoas á nobreza galega. Galicia foi domada e castrada, en equina expresión de Sabela I. A raíña unificadora tiña a menor capacidade olfactiva na historia da monarquía porque levou a mesma camisa ata que conquistou Granada, un feito bélico que os seus asesores e axudas de cámara agradeceron. Os nobres portugueses argumentaron en Aljubarrota e conservaron o idioma de seu.

Prefire a versión que ditaminou Filgueira Valverde, que produce astracanadas como Pablo Casado balbucindo entre risos unhas palabras en galego


A Real Academia non está en disposición de humildade, de recoñecer que foi o pulo de Dom Henrique á navegación o que implantou o galego en todos os continentes. Prefire a versión que ditaminou Filgueira Valverde, que produce astracanadas como Pablo Casado balbucindo entre risos unhas palabras en galego e citando a intimidade de Aznar. A súa broma suxire que hai linguas para o triunfo e linguas para o pudor. Casado fíxolle un chisco ao galego días despois de ter barbarizado en Altsatsu que o euscara é un idioma alleo a Navarra. Falaba nada menos que da "linguae navarrorum" dos romanos, referíase a un idioma oficial na metade norte da comunidade foral. Pero a mentira é o ladrillo da política. Todo pola patria.

Volvo a Carvalho Calero. A concesión dunha homenaxe de todo o país —incluído o país institucional— suporía deixar de cubrir o ollo dereito coa man, suporía recoñecer unha sociedade paralela á academicista que tamén intenta recuperar as constantes vitais do galego. É preciso un agarimo para os colectivos que defenden o galego con maior alento e eficacia; mesmo con maior prestixio por non seren reféns de subvencións, traballos en institucións ou medallas Castelao. Non pido que a Academia asimile a norma internacional do portugués, pero si que recoñeza que o futuro da lingua atravesa pola lusofonía. Tanto me ten se o fai nunha acta  ou nunhas declaracións á porta da sede da RAG.

Malia que camiña de costas, a Academia está viva. O debate sobre as Letras volveu ser de microondas a máxima potencia. Seica Ferro Ruibal opúxose coa boca fervendo á candidatura reintegracionista. Na outra banda, houbo defensores do intelectural ferrolán que vou citar como agradecemento: o propoñente da candidatura foi novamente Xosé Luís Axeitos e asinaron como apoiantes Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei, Manuel Rivas, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Regueira e Euloxio Ruibal. Os seus oito votos serviron para salvar a dignidade da Academia, aínda que soamente puideron levar a terra unha terceira parte da dignidade.

Como non podía faltar o argumento elemental, Ferro pediu que non se politizase a elección cando, meu Xesús, todo o público afecta á polis. O idioma precisa dunha estada política para non derrubarse. Se non chegamos a politizar o románico ou a marea negra teríamos perdidas igrexas e costas. Agora que a RAG optou pola opción inane de Fraguas, non tardarán en representalo na escena de 1936 na que uns falanxistas o convidaron graciosamente a borrar a pintada que fixera a prol do estatuto. Represéntaseme como inconcebible que Ferro Ruibal ignore a trascendencia politíca de negar o pan, o sal e as Letras ao símbolo maior do reintegracionismo.

Os médicos de Urxencias deitáronme nunha cama e empezaron a darme libros de poesía —cousas de Manuel María e así— ata que logaron equilibrar o meu corpo


A consecuencia da votación da RAG foi unha suba de tensión que me conduciu ao Hospital Universitario Lucus Augusti. Os médicos de Urxencias deitáronme nunha cama e empezaron a darme libros de poesía —cousas de Manuel María e así— ata que logaron equilibrar o meu corpo. Logo de recibir a alta, pasei pola casa para recoller unha camisa nova e republicana,  e exilieime velozmente en Portugal. Ata novo aviso. A imposición do galego no país do sur foi tan exitosa que onde sexa que vas sintes falar na nosa lingua.

O depósito de gasoil andaba xa mediado e esgotouse cerca de Porto, de xeito que entrei na cidade levado polo mesmo entusiasmo que os vencedores da loita que dá nome á Praça da Batalha. Os portenses non saben se existiu ou non a tal batalla, pero eles puxeron un monumento aos seus combatentes por se acaso un día un investigador atopa indicios. Os portugueses senten orgullo do seu, mesmo do que supoñen que é seu.

Para consolarme do disgusto, fun á "libraría que inspirou Harry Potter", antes coñecida como Lello. Un turista despistado en pantalón vermello preguntoulle ao recepcionista, un bigotudo de puntas ascendentes, que era o que se podía ver dentro.
—La librería más bonita del mundo. Nada menos —explicou o empregado en español adiantando o mostacho ao trazar no aire o s sibilante final.

Ese curioso, cunha camiseta de peixes portenses, mirou cara ao monstro de sete cabezas que se facía selfies no interior e marchou horrorizado do xentío.

A maiores do espectáculo da talla co que amoblaron a libraría, descobrín que Lello está gloriosamente nutrida. Mesmo ten libros en linguae navarrorum. A parte negativa foi a marea alta e colorida de turistas que quitaban fotografías porque ignoran que internet lles permite ver a libraría limpa de turistas facéndose fotografías.

—Desculpe, mas para um cliente que não não pede Harry Potter ou um livro de autoajuda... —explicoume


Cando dei chegado á sección de Literatura Portuguesa busquei os Diários de Al Berto editados por Assírio & Alvim. Inesperadamente, apareceume polo costal esquerdo unha empregada tan vella como os seus lentes para recomendarme O medo, onde se recollen as obras completas do poeta.

—Desculpe, mas para um cliente que não não pede Harry Potter ou um livro de autoajuda... —explicoume.

De volta no hotel, na Praça da Batalha, boteime a ler os libros enteiros de Al Berto para esquecer que vivo nun pais no que a autoridade da lingua tapia unha boa posibilidade de que esa lingua perdure. "Um dia lin nun livro: Viajar cura a melancolia", empeza Al Berto. Nun descanso da lectura, mirei pola ventá e vin un gato paseando sinuoso polo alféizar. Era negro e bigotudo.

As sete mortes felinas de Carvalho Calero
Comentarios