Unha moto solitaria surfea Roma

MIranda July. AEP
MIranda July. AEP
Ten que facer un calor brutal, un calor bravo que costrinxa o alivio, para que nos deamos conta do que lles estamos facendo ao planeta

ITALIA é ese país que me gusta tanto que nunca viviría nel para non verme na tesitura de odialo. De Italia gústame a capacidade para desenvolver unha gastronomía con fariña, auga e aceite. Adoro ver os políticos italianos faltándose ao respecto ata o segundo anterior a formaren un goberno xuntos. Fascíname o seu cinema. Hai tres películas que vexo cada verán: La dolce vita de Fellini; a versión que fai Sorrentino dese filme en La gran belleza, e Caro diario de Nanni Moretti. As tres son italianas.

Hai tres noites no ano nas que prendo o televisor, que uso exclusivamente como pantalla de cinema. Preciso estar só na casa para que Ana non me pregunte polo que imos comer ao día seguinte, Sara non me pida que a leve cos amigos a unha verbena e a Antón non se lle ocorra ver un anime canda o seus bros na sala. Estou so. Daquela prepárome unha ensalada ou froita, unha comida que levede no meu estómago sen que me provoque un sono pesado. Poño un pixama que non pasa do medio quilogramo na báscula. Abro as ventás coma se fosen uns ollos fascinados. Déitome ao longo do sofá, collo os mandos e trato de recordar as teclas que premera no verán anterior para poñer as tres películas.

Esta noite dediquei a sesión a Caro diario. Moretti estruturou a película entre tres actos.Son crónicas costumistas. Na primeira fai un percorrido en moto por Roma; na segunda, visita a un amigo nunha illa e, na terceira, vai ao médico. Unicamente pode falarlles da primeira. A parte sanitaria soamente a vin a primeira vez e non me interesou. Dei unha segunda oportunidade ao acto da illa e nunca máis. Máis que Caro diario, gústame Na miña Vespa, que ese primeiro segmento.

Transcorre no Ferragosto. É unha festana que os romanos celebraban a coroación das colleitas e que se corresponde con esta fin de semana, do 15 e o 16 de agosto. Como filólogo formado en Google que son, pensaba que Ferragosto vén de ferro e agosto, de que fai tanta calor que se podería fundir metal. Un amigo, formado como historiador, dime que procede de Feriae Augusti. Foi unha celebración que instaurou o emperador Augusto no ano 18 a. C. Os católicos acabaron por cubrila con ducias de mantos de virxes.

Nestes días Roma queda baleira, convertida nun gran campo arqueolóxico de terra seca e herba moribunda, nun coliseo para que os prezos devoren os turistas. Toda romano sensato marcha. Nanni Moretti sae na súa Vespa azul mariño polas rúas mortas de calor. Vai seguido dunha cámara. Primeiro visita barrios, que son ricos e outros que son pobres, que unicamente teñen en común cadansúa personalidade. Agora os barrios dos traballadores carecen ata de carácter pola obsesión de que se parezan máis aos de mansións.

Despois, Moretti conta que a súa ambición frustrada é bailar. A miña, tamén. Aznar baila na intimidade, cando está Ana e os cativos non están na casa. Eu non sei bailar. Moretti confesa que Flash dance (1983),unha película sobre unha bailarina, lle cambiou a vida. En Caro diario, o protagonista atopa á actriz dese filme, Jennifer Beals, nunha rúa romana e cóntalle toda esta obsesión. Ela tómao por tolo, como non podería ser doutro xeito; por moito que os excéntricos sexan os únicos que teñen a capacidade de seren felices.

Máis tarde visita a un amigo, crítico de cinema, a quen reprocha a pedantería dos seus comentarios en prensa para reivindicar a sinxeleza e a naturalidade como valores artísticos e comunicativos das películas.

Nanni Moretti atopa uns periódicos que contan o asasinato de Pasolini. O director acababa de filmar Saló y los 120 días de Sodoma (1975). Ese película tivo o seu momento e o seu contexto. Denunciaba as barbaridades do poder, denunciaba o fascismo e connivencia eclesial durante o sultanato nazi na Italia da Segunda Guerra Mundial. No seu momento paeceume que se lle fora a man na caricatura. Sinto repugnancia se penso en vela de novo, pero o avance da carcundia da ultradereita faime temer que volvamos a ese exceso gobernante. Case me preocupa máis que a esquerda estea cedendo nos seus valores por medo a perder votos.

Nese tramo de Caro diario, a película deixa de ser un retrato hedonista e nostálxico para volverse unha homenaxe amarga a Pasolini. Moretti monta na Vespa e conduce ata o sitio da praia de Ostia na que foi asasinado un director con demasiada dignidade para ser soportada pola sociedade.
Vou establecer un paralelismo entre Caro diario e A cuatro patas (Random House), a novela da tempada. Asina Miranda July. Hai un mes visitei Santiago e andei buscando nela. Desconfío destes descubrimentos fascinantes que cando son masivos deixan de ser descubrimentos, pero estou atento ao que acontece na cultura internacional.

A protagonista é unha artista coñecida que deixa atrás home e fille para atravesar en coche desde Os Ánxeles a Nova York. O principio interesoume porque fala do matrimonio desde o punto de vista dunha muller e da maternidade. Son posicións distintas das miñas. July fai a crónica con sentido do humor. Acabei por renunciar á lectura. Tírase por un tobogán de extravagancia e sexo trinta anos tarde. Quero dicir, que hai que facer explotar a burbulla da inocencia cando tes vinte anos. Non me interesa unha señora de 51 anos teña que contarme sobre a miña mocidade.

Comentarios