Opinión

Pólvora sen magnolia na discoteca Clangor 

BRAULIO SOÑA máis bonito ca min. Falamos na profunda noite do Facebook sobre Voltaire.  El soña tan bonito que logra que se lle apareza o pensador francés. Braulio di que Voltaire modula nas súas ensoñacións as mesmas voces impostadas que usaba para imitar os ilustrados, o pobo ou os tendeiros nas xuntanzas do seu salón. Por todos sentía o mesmo respecto, un respecto viúvo.

Eu soño angustias. Vou Preguntoiro abaixo dende a miña pensión á Facultade de Dereito. Os rapaces de clase media non elixiamos estudos porque tiñamos que perpetuar a nosa estirpe económica. Santiago recende a chuvia. Corro angustiado pola parte vella de Compostela dese xeito evanescente co que se palpan os soños. Chego tarde á clase de Dereito Natural de Francisco Puy. O catedrático desconfiaba de que esteamos feitos da materia dos soños. O seu traballo e a súa fe eran crenzas intercambiables porque se dedicaba a explicarnos que había unhas leis eternas dictadas por Deus. Puy Múñoz pensaba, con Voltaire, que "o ateísmo é o vicio dunhas poucas persoas intelixentes". Para convencernos aos incrédulos adoitaba citar ao Papa Xoán Paulo II e a Manuel Fraga. A un deles mencionábao máis por ser o seu cuñado.

Tanto o cuñado de Puy como ese pontífice foron dous atletas de resistencia extrema, pero afeccionados. Fraga dedicouse a gobernar Galicia coa heterodoxia que require a xestión política e Xoán Paulo II impuxo a ortodoxia no relato vaticano porque o imperio da fe se lle descosía no seu corazón: Europa.

A chegada de políticos e estudantes a Santiago nos anos 80 artellou Galicia. Uns iluminados encargáronse de rebentar aquela década prodixiosa

Voltaire estaba certo de que "Deus é xusto e bondadoso", pero soñaba con vivir noites xitanas. Nun dos seus libros, hai unha xitana que lle conta ao tío que casou cun psiquiatra. O tío, un adiantado do materialismo marxista, pregúntalle: "Xa non les as liñas da man para gañar a vida?". A seguir, pregunta á sobriña a a que se dedica un psiquiatra. Ela explícallo. El retruca: "Ou sexa, que un psiquiatra estuda para facer o que facías ti?".

Braulio contoume, nesta noite incerta, que paraba en París dos 80 nunha casa da rúa de Beaune, "nun apartamento que daba parede con parede coa que foi vivenda de Voltaire". Braulio Vilariño, é o voceiro do Festival Agrocuir, onde acuden os máis modernos e máis urbanos para asumir que o único lugar no que están a salvo da moral allea é no campo, onde non hai cancelas nin veciños censores.

O meu amigo xa cheirara esa liberdade cando marchou dar unha volta por Europa. Regresou coa idea do Modus Vivendi, o primeiro pub de Galicia. Naquelas noites escuras da miña alma, coa identidade prendida de fascinación, eu baixaba polo Preguntoiro para entrar no Modus. Descendía unhas escaleiras para entrar na marabillosa caverna beatleliá.

Non recordo a Braulio daquela, nin sequera a Pedro Puy Fraga, fillo de Francisco Puy. O voceiro do PP no Parlamento lévame tres anos, así que non podo culpar á idade de non atoparnos nas noites brancas de 1983. Ter na casa o teu pai era un incordio para cruzar a almofada sobre a cama, tapala coa manta e saltar pola ventá.

Aquelas noites luminosas empezaban no Modus Vivendi e, noutro extremo da madrugada, remataban no Clangor. Era unha discoteca no campo, ese lugar sen porteiros automáticos nin veciños insomnes. Antonio Piñeiro explica no ensaio A identidade fascinada (Galaxia) o papel da Clangor como recreo na construción nacional. Neses primeiros 80 cadraron en Santiago unha xeración de políticos que se peiteaban como Kennedy mentres montaban o escenario autonómico e a primeira xeración masiva de universitarios galegos. "O baby boomer e o autobús foron os cordóns umbilicais da sociedade", sinala Piñeiro para falar desa coindiciencia como o momento en que Galicia deixou de ser "unha sorte de casualismo, de precariedade recorrente" para empezar a ser artellada como país.

A miña experiencia universitaria non foi o Dereito, foi absorber improvisada e felizmente unha cultura actual e internacional; foi descubrir Google antes de internet. O único que faltaban eran os cartos, pero cada hora era unha descuberta. O mundo aínda sigue sendo unha descuberta para min, por iso nunca xogo á lotaría; porque descubrir é barato, soamente require ter curiosidade e abrir os ollos.

Na mesta ciberescuridade Braulio confesoume que, cando durmía onda a casa de Voltaire, se concentraba en soñar coa método que usou o pensador para gañar a lotaría. O ministro francés de Finanzas, Robert Le Pelletier, organizaba sorteos para superar a bancarrota do Estado. Voltaire ideou un método para facerse rico. Xogaba de xeito anónimo e tramposo, ata que un día empezou a escribir nos boletos: Longa vida a Robert Le Pelletier!. Foi xulgado.

Voltaire timaba ao Estado e asemade defendía que "hai que amar á patria con todos os seus defectos". Pedro Puy é levemente volteriano nese sentido. Afirmaba un día solleiro de aí atrás que Galicia é unha nación "nun significado cultural", aínda que "non o é de facto". Puy, que logra que me reconcilie intelectualmente co PP galego cando fala, debería reunir os seus no lago Tiberíades e explicarlles en que consiste ese galeguismo que tanto predican. Mesmo podería explicarlles o ideario de Ramón Piñeiro, pero imos deixalo para un curso avanzado.

A noite na que falei con Braulio tiven outro soño. Soñei cuns rapaces que estaban tan posuídos por un dereito natural tan particular e violento que acabou por estouparlles enriba. Foi en outubro do 90, na Clangor. O que máis lembro dos soños son os olores. Aquel soño cheiraba a pólvora, pero sen magnolias.

Comentarios