domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

A traizón

ÁS VECES os escritores chegan a se identificar tanto con aquilo que os rodea que somatizan os males da sociedade até o punto de que o asunto remata en traxedia

Ocorreu por exemplo con Karel Capek, gloria das letras checoslovacas e inventor da palabra robot, quen apenas sobreviviu tres meses ao esnaquizamento do seu país a mans de Hitler en 1938. Oficialmente colleu un catarro que evolucionou a pneumonía... pero moitos ata o día de hoxe cren que, coma no caso de Pablo Neruda, os acontecementos políticos aceleraron o proceso.

Checoslovaquia, agora dividida en dous países, República Checa e Eslovaquia, foi vítima dunha traizón cuxos ecos aínda soan máis de oitenta anos despois e dun erro político considerado en xeral o máis grave da historia: a política de acougo (appeasement) co réxime nazi que derivou na Segunda Guerra Mundial. Todo aquel proceso estúdase en Campanadas de traición, do historiador P. E. Caquet, editado agora en español por Galaxia Gutenberg.

A República Checa é para moitos españois nacidos antes de 1985 un deses países do bloque comunista, pechado e atrasado, daqueles nos que os partidos da Copa de Europa se xogaban ás dúas da tarde porque pola noite non había luz para os focos. Por sorte o paso das décadas trouxo ás nosas librarías a imaxe dunha nación moi diferente, a existente nos anos 30.

Grazas a fontes militares non consultadas até o momento, Caquet demostra que as forzas militares francesas e checas eran, en conxunto, claramente superiores ás alemás naquel verán de 1938

Checoslovaquia, como describe Caquet á perfección, era unha nación fortemente industrializada, coa fábrica de Skoda, unha das meirandes de toda Europa Occidental, como bandeira. O seu sistema político era o máis estábel do continente naqueles intres, mesmo por riba dos de Reino Unido e Francia. De feito, e isto quizais sexa do pouco relevante que o autor omite, o país atopou a simpatía de Churchill por defender as súas liberdades sen recorrer aos seus odiados comunistas —non estivera o descendente de Mambrú tan amábel na defensa da democracia española, como sabemos—. Mesmo era culturalmente escintilante a pesares das perdas prematuras dos seus dous principais autores —Kafka en alemán e Hasek en checo— grazas ao movemento poetista de Nezval, Holan ou Seifert.

Por riba de todo isto pasaron os dirixentes de Reino Unido e Francia, Chamberlain e Daladier respectivamente, e os seus gobernos dun xeito que cada vez resulta máis culpábel e vergoñento. Grazas a fontes militares non consultadas até o momento, Caquet demostra que as forzas militares francesas e checas eran, en conxunto, claramente superiores ás alemás naquel verán de 1938. A supremacía militar xermana coa que a historiografía británica quixo escusar o criminal erro de Chamberlain non era tal. Unha ofensiva franco-checa tería sido apoiada probabelmente pola Unión Soviética e dado pulo á conspiración militar que se sabe que tiña montada o mariscal alemán Halder.

O que ocorreu en realidade xa o sabemos: Chamberlain presentouse en Londres abaneando un papeliño co que sostiña que acadara unha paz para décadas. Un ano despois o seu país estaba mergullado xa na peor guerra da historia da humanidade contra uns tolos asasinos. A lección que Occidente sacou tería que ter sobrevivido ata hoxe: o fascismo é unha ideoloxía distinta a calquera outra, coa que non é posíbel chegar a ningún compromiso nin acougo, pois este rematará en traizón e na destrución dos valores propios das sociedades ilustradas e humanistas.

Resulta inevitábel facer unha lectura actual do libro de Caquet, quizais sen o acordo do autor. Hai unhas liñas usabamos o tempo condicional para falar da lección non aprendida porque as ideas racistas, homófobas e ultranacionalistas están presentes con forza en Francia, Italia, España ou Rusia, protagonistas hai décadas e hoxe. E grazas ao exemplo de Checoslovaquia sabemos o efecto que ten chocar os ovos da serpe.

A traizón
Comentarios