El tiempo
miércoles. 06.07.2022
El tiempo

Cada faragulla

Anne Frank. EP
Anne Frank. EP

LIN O DIARIO de Anne Frank, como debe ser, na miña adolescencia. Non me mandou ninguén nin, daquela, me gustou moito. Si lembro que foi un dos primeiros libros que merquei, nunha edición de peto na cativa libraría de Chus, en Becerreá. Quizais por iso o gardo con moito agarimo aínda que non teña gana de volver a el, algo que si sucede con outros relatos do Holocausto coma os de Primo Levi ou Art Spiegelman.

Isto non impide que considere as verbas da adolescente neerlandesa –agochada xunto á súa familia e uns amigos na oficina do pai e delatada por non se sabe quen en 1944, cando o final da guerra estaba relativamente preto– o testemuño chave para coñecer o que foi o proxecto de exterminio dos xudeus en Europa entre 1939 e 1945 –ou, para sermos máis precisos, entre 1941 e 1945–. É por iso que non podemos menos que saudar a chegada ás librarías de Despois do diario de Anne Frank, do historiador Bas von Benda Beckmann, publicado por Kalandraka e traducido, cunha prosa galega verdadeiramente excepcional, chea de sabor, por Antón Vialle e María Alonso Seisdedos.

A proposta de von Benda-Beckmann, que aproveita a documentación oficial recollida pola Fundación Anne Frank ao longo dos anos e, en especial, na década pasada, é apaixonante: facer unha secuela do Diario e seguir aos personaxes, na medida do posíbel, unha vez que os descubriron e entraron no sistema de campos de concentración, o 4 de agosto de 1944. Só unha das oito persoas agochadas, Otto Frank, pai de Anne, sobreviviría a aqueles pouco máis de seis meses de encerro –a meirande parte dos campos quedaron liberados polos aliados entre finais do mes de xaneiro e metade do mes de marzal de 1945.

Anne Frank. EP
Anne Frank. EP

Porén, a historia do sobrevivinte non é a máis interesante agás polo obvio feito de que Otto Frank foi o motor da procura do destino de todos os demais rematada a traxedia. Que conservase a vida, como afirmaron Primo Levi, Art Spiegelman ou Elie Wiesel, tivo que ver en grande medida coa pura sorte e nunha pequena parte coa capacidade física de resistir as arrepiantes condicións dos campos.

Auschwitz quedou para a historia –con xustiza– coma o paradigma do terror exterminador dos nazis. Por alí pasaron a familia Frank, a familia van Pels e Fritz Pfeffer, o oitavo habitante do gabinete segredo. Porén, un dos grandes valores deste libro e dar a coñecer ao grande público outros lugares coma Westerbork, Mauthausen ou Bergen Belsen e feitos terríbeis como as marchas a pé dende o leste polaco ao centro de Alemaña, en pleno inverno e sen roupa de abrigo, que os soldados nazis en fuga obrigaron a facer aos seus prisioneiros.

Non é que falten achádegos históricos de importancia. Como di o autor, cada faragulla que se descubra sobre aquel horror contribúe a que nin se esqueza nin se repita e paga a pena removela. As irmáns Frank moi probablemente non morreron no marzal de 1945 senón antes, se atendemos ao que a ciencia di do tifo exantemático, a enfermidade que as matou. Hermann van Pels morreu gaseado nada máis chegar a Auschwitz.

Porén, isto non é o máis importante do libro. O fundamental é que nos enfronta ao horror con toda a crueza e tamén aos erros relativos dos testemuños. En non poucas ocasións o autor desautoriza certas testemuñas e amosa como a historia ten, entre outros, o papel de separar o gran da palla e atravesar aqueles relatos que a memoria modificou para asimilalos a un documento tan importante e valiosa coma o Diario de Anne Frank.

Cada faragulla
Comentarios