El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

Cambios no mundo

Táboa2

Hai uns días o escritor Diego Moldes respondía de xeito moi sinxelo unha pregunta moi difícil. Dadas as circunstancias políticas —incluídas as máis recentes, co enésimo regreso de Benjamin Netanyahu ao poder—, moitos temos que nos enfrontar con frecuencia a unha pregunta: "Por que ti es tan afeccionado á cultura xudía?". A resposta de Moldes, que fago miña, é sinxela: o odio combátese con amor e o filosemitismo non pode ser máis ca unha resposta ao antisemitismo, unha idea moi perigosa e que algúns volven axitar conectada a outras conspiracións contra a democracia e a cultura neste terceiro milenio.

Quero pensar que boa parte do odio ao xudeu —coma do odio ao palestino ou do desprezo a calquera outra etnia nun contexto concreto— vén do descoñecemento ou a desinformación. Por fortuna, á Galiza chegan libros para eliminar esa ignorancia, coma Genio y ansiedad de Norman Lebrecht (Alianza Editorial), unha historia sobre como os xudeus cambiaron o mundo entre 1847 e 1947 —ou sexa dende o pasamento do famoso compositor Felix Mendelssohn ata as vésperas da creación do estado de Israel—.

Como demostra en distintos lugares do seu libro, Lebrecht é un privilexiado. Malia que, loxicamente, non puido ser testemuña de moito do que relata, si estivo en contacto con moitos protagonistas. Chama moito a atención, por exemplo, o estraño intre no que declara que, namentres mantén unha relación romántica cunha sobriña de Abba Achimeir, un dos líderes do partido de Partido Revisionista —que defendía a loita violenta pola creación do estado de Israel nos anos 30— descobre que aínda lle doe que o acusasen en falso do asasinato de Victor Arlozorov, outro importante dirixente político.

Non é un detalle moi coñecido, pero Louis Armstrong, o grande Satchmo, falaba á perfección yiddish e coñecía en profundidade a música que os xudeus levaran ao Sur

A información que ofrece Lebrecht podería ser cuestionada por algúns. O libro non se detén demasiado na descrición fonda de logros culturais ou científicos senón que prefire tomar aos protagonistas deses feitos e penetrar nas súas vidas e, en non poucas ocasións, nas súas dramáticas circunstancias vitais. Poderá sinalarse isto coma un erro, mais penso que Lebrecht non traizoa a súa propia idea e actúa con coherencia. Se alguén, poñamos por caso, desexa coñecer a fondo a vida de Franz Kafka e as circunstancias que levaron á definitiva conservación da súa obra, dispón da monumental biografía de Reiner Stach. Se prefire unha información máis condensada e centrada no outro protagonista da historia, Max Brod, pode recorrer ao noso autor.

Domina neste ensaio, polo tanto, o elemento narrativo por riba do enciclopédico ou a simple enumeración de feitos. O descoñecedor da cultura xudía pode botar en falta certo contexto e mesmo perderse dentro dalgúns capítulos, pois a transición entre un protagonista e o seguinte é en ocasións moi difícil de apreciar alén do simplemente cronolóxico. Bardante isto, a obra ten unha gran solidez e persoeiros coma Einstein, Freud, Proust ou Fritz Haber precisan, en xeral, pouca presentación.

Por outra banda, non faltan descubertas para o lector máis especializado. Quizais as máis destacadas e mellor contadas son aquelas que teñen que ver coa comida —inventou un xudeu as hamburguesas?— e, sobre todo, a música popular estadounidense. Non é un detalle moi coñecido, pero Louis Armstrong, o grande Satchmo, falaba á perfección yiddish e coñecía en profundidade a música que os xudeus levaran ao Sur, á que sempre recoñeceu coma unha grande influencia. É unha bonita historia... pero cos xudeus polo medio, coma sempre, Lebrecht ten que relatar moitas máis traxedias. Tamén nelas deixa a súa pegada, con historias rigorosas e que non caen na indulxencia cando toca. Constrúe así, en definitiva, un libro de lectura agradábel que, se un ten interese, ben pode complementarse con outras grandes obras sobre o mundo xudeu xa dispoñíbeis no mercado español e galego hai tempo.

Cambios no mundo
Comentarios