sábado. 23.10.2021 |
El tiempo
sábado. 23.10.2021
El tiempo

A comuna e as xustificacións

La Comunne
La Comunne

O DEBATE político español atópase moi polarizado hai tempo en temas moi diversos e un dos que máis tensións xera é o que ten que ver coa violencia e as súas xustificacións.

Anular esta reflexión é algo eticamente pernicioso e intelectualmente perigoso, porque rouba a posibilidade de nos preguntar como sociedade: existen violencias lexítimas? A risco de caer na lei de Godwin, diría que rematar cos nazis mediante a violencia era un deber ético; sen ir tan lonxe, todos os códigos penais occidentais recollen o atenuante e mesmo eximente da violencia esixida en lexítima defensa; e, por exemplo, o 15 de marzo fíxose o centenario do asasinato de Talaat Pasha a man de Telirian, un armenio que foi absolto porque a xustiza alemá tivo en conta que o pachá turco fora un dos grandes responsábeis do xenocidio do pobo armenio.

Vén ao caso todo este argumento, que podería ser moito máis longo e matizado, pola celebración do 150º aniversario da Comuna de París, celebrado literariamente en España pola publicación en Capitán Swing de Historia de la Comuna de París de 1871, obra senlleira sobre o tema escrita por un dos seus protagonistas tanxenciais, o xornalista Prosper Olivier Lissagaray.

Agora que andamos no sistema educativo a voltas co asunto da memoria, diremos que se o lector non ten un chisco para lembrar o ocorrido en Francia despois de 1789, vai ter unha mala experiencia lectora. A Revolución tivera uns éxitos parciais e rematara cunha alianza entre a pequena burguesía e os elementos máis conservadores personificada nun político, Thiers. Isto saltou polos aires por culpa dun elemento externo, o expansionismo prusiano. Como relata Lissagaray nunha longuísima —e en parte prescindíbel— introdución, Bismarck manobrou para acadar unha guerra que desexaba e os prusianos pasaron por riba dunha Francia en plena decadencia militar.

A narración toma vida cando se centra na Comuna propiamente dita, co estilo propio do xornalismo comprometido daqueles tempos. Abundan as hipérboles e as descricións de personaxes cun maniqueísmo contundente. Os acontecementos sucédense e convén ter na cabeza tamén un mapa de París, que quizais sería preciso como apéndice. Despois dos éxitos iniciais e das confusións propias dunha situación revolucionaria, o triunfo semella próximo. M a i s non terá lugar, como sabemos, e Lissagaray non aforra verbas para a descrición dos terríbeis acontecementos sucedidos dende o 21 de maio. Movemento esencialmente capitalino —os capítulos dedicados a Lion, Marsella ou Narbona son perfectamente prescindíbeis—, á Comuna afogouna o resto de Francia, primeiro economicamente e despois en sangue. O partido de Versalles non dubidou en asasinar e exiliar —nada menos que a Nova Caledonia— miles de persoas.

Malia isto Lissagaray, testemuño de parte, deixa clara a súa opinión: a pesares do sangue e a derrota, a Comuna venceu. O Imperio caeu e arestora existe unha República en Francia, unha república que dende a Comuna non permite a inxerencia eclesial nos asuntos estatais, que universalizou a educación e creou os corpos de funcionarios tal e como os entendemos arestora en boa parte de Europa. E, sobre todo, creou unha sociedade máis xusta para a inmensa maioría de traballadores, polo que a violencia empregada por ela estivo xustificada. E isto esperta no lector esa pregunta que antes fixemos e leva á reflexión, algo moi preciso nestes tempos con independencia da resposta que se ofreza.

A comuna e as xustificacións
Comentarios