lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

Fanáticos

AFGANISTÁN xa non está de moda. Pasou polas nosas vidas en 2001, reapareceu ocasionalmente alí e acolá nos anos seguintes e resucitou de xeito máis contundente hai unhas semanas cando Joe Biden anunciou a saída das tropas estadounidenses do país. Axiña apareceron as moi oportunas fotos do expresidente Ronald Reagan a recibir aos muiadíns que nos 80 estaban a axudalo a derrotar ao demo comunista

As fotos, en si non supuñan nada novidoso: non eran máis ca unha imaxe conxelada daquel proceso que tan ben describiu o cineasta Michael Moore en Bowling for Columbine co acompañamento de Louis Armstrong: Usa deu miles de millóns de dólares a distintas nacións e organizacións de Oriente Medio e Asia Central para loitar contra o comunismo e (ou) conservar un bo subministro de petróleo e estes aproveitaron os cartos, a formación e a tecnoloxía para segar a herba baixo os seus pés.

Ocorre que vivimos en temos estraños e axiña saltaron os todólogos a explicar que non había que confundir aos muiaidíns cos xihadistas, xa que de feito os talibáns estaban enfrontados a non se sabe que parte do Estado Islámico. Nalgúns casos tratábase de vender un produto —o da xeopolítica para afeccionados—, noutros simpatía entre fanáticos relixiosos. Para desmontar parvadas coma esta aparecen libros coma El yihadismo, obra de Eduardo Martín de Pozuelo e Eduard Yitzhak, publicado na moi útil colección La historia de... de Cátedra —que conta cun valor crecente polo tratamento sintético de temas coma o populismo ou o indixenismo—.

Non agarden boas novas da lectura, iso si. Cando un remata o normal é que estea desacougado. E é que a tese principal —e moi difícil de rebater— é que en Occidente temos unha visión distorsionada da xihad: non está movida polos cartos nin tampouco relacionada directamente coa pobreza existente en países coma Iemen ou Sudán. Tampouco se trata dun movemento encabezado por tolos psicópatas.

 Os primeiros inimigos destes teóricos loitadores polo predominio da fe islámica e a súa lei (a Sharia) son os propios musulmáns que non aceptan visións tan radicais

Son fanáticos que saben perfectamente o que queren e non se esforzan en agochalo, como demostran os autores en documentos traducidos para a ocasión ou nas decorosas descricións dos crimes cometidos polo EI. As súas raíces, argumentan Martín e Yitzhak, atópanse en certos teólogos xa do século IX. A proximidade a Mahoma dá lexitimidade a unha certa visión da sociedade islámica.
Esta visión, segundo os autores —e segundo a realidade que podemos ver, por exemplo, nas terríbeis crónicas de Carrère sobre Bataclán—, é a correcta e lévanos a un camiño sen saída. Cun fanático, con aquel que só mantén visións deshumanizadoras do outro, non hai diálogo posíbel. De feito, os primeiros inimigos destes teóricos loitadores polo predominio da fe islámica e a súa lei (a Sharia) son os propios musulmáns que non aceptan visións tan radicais e si as partes do Corán que animan ao respecto e a convivencia. Precisamente ao recoñecer que a maioría dos practicantes da fe islámica que nos rodean son persoas de paz foxen os autores dunha posíbel acusación de islamofobia que desacreditaría un magnífico traballo.

E iso non obstaculiza a presentación dun problema de dificilísima solución. A intolerancia e a violencia están no cerne de todas as relixións, en realidade: os cristiáns aniquilaron aos amerindios, os budistas aos rohingyas, os musulmáns e os hinduístas entre si... a lista sería interminábel. Ocorre que as sociedades ilustradas e pacíficas defendidas por xente coma Voltaire aínda están lonxe —ou son unha utopía—. E as sociedades occidentais van ter que aprender a convivir a un tempo cunha violencia desatada e coa reacción racista de quen instrumentaliza eses feitos para sementar a discordia no seu seo.

Fanáticos
Comentarios