Fechas históricas
Estou de regreso á universidade. Xa non hai piso pagado polos pais, veciños que teñen plantas sospeitosas nin festas os xoves nos locais do centro de Lugo. De feito, xa non hai clases senón PEC –a miña compañeira Sara Fernández lembroume que agora a sigla cambiou de significado– e non hai apuntamentos senón manuais moi grosos.
En resumo, vou camiño de ser historiador aos meus anos e miro con especial agrado as novidades da disciplina. Por iso caeron os meus ollos en Fechas que hicieron historia, unha novidade de Anagrama na que o historiador francés Patrick Boucheron reflexiona sobre un tema sempre candente para os estudantes –xa sexan de secundaria, xa de universidade–: as datas na Historia, a súa importancia e os xeitos diferentes que temos os seres humanos de crear un acontecemento.
Boucheron é toda unha figura recoñecida no país veciño. Coordinador do best-seller Historia mundial de Francia –obra magnífica, pero non traducida ata onde eu coñezo– e dunha magnífica historia mundial do século XV, o libro que presentamos naceu en realidade como guión dunha popular serie de documentais na que o autor guiaba os espectadores polos momentos máis senlleiros da historia da humanidade, sempre cunha mestura de divulgación e reflexión sobre a constitución mesma da historia.
Na versión literaria deses guións atopamos máis pensamento sobre a historia e menos divulgación –en particular dende a óptica do lector español, posto que algúns sucesos comúns para calquera estudante francés, coma o asasinato do rei Henrique IV en 1610, son alleos para o lector de a pé español–. Non obstante, a idea televisiva e iso choca coa pretensión do autor: se atendemos ao subtítulo, o libro está pensado para analizar dez formas de crear un acontecemento.
Efectivamente, a obra aparece dividida en dez seccións, pero a xustificación de cada unha delas ventílase nun só parágrafo e a cohesión entre os elementos que as forman é, como pouco, dubidosa.
O libro lese, polo tanto, como unha sucesión de cadros sobre grandes momentos da humanidade e velaquí a súa fortaleza. Os trinta episodios son apaixonantes e diversos. Van dende Lascaux á caída de Allende e dende Uzbekistán a Suráfrica. Teñen unha lonxitude acaída –ningún supera as vinte páxinas–, divídense en pequenos subapartados que poden lerse coma artigos de xornal e contan cun apartado de contextualización na historia contemporánea ao suceso e outro de referencias facilmente recoñecibles –aínda que, como é lóxico, case que todas en francés, polo tanto limitadas para o comprador ou lector español–.
Especial mención positiva merece a selección dos acontecementos. Pesa sobre os franceses, en particular en España, país inimigo secular, o prexuízo do chauvinismo. Só nunha longa sección media, que recolle os episodios do masacre de alxerianos en París en 1961, a toma de Alesia polos romanos, o mencionado asasinato de Henrique IV e o pasamento de Luís IX no norte de África, toma protagonismo o país galo.
Antes e despois a erudición e o amplo alcance da mirada de Boucheron permiten ao lector lembrar sucesos ben coñecidos baixo outra luz, descubrir episodios ou personaxes descoñecidos –como Babur, vencedor da batalla de Panipat e fundador do Imperio Mogol, cuxo Babur Nama é tradución pendente ao galego ou ao español– ou reflexionar sobre acontecementos polémicos, coma o mesmo pasamento de Xesús de Nazaret, coas dúbidas documentais que xera dende hai séculos. Todo co rigor e a sapiencia de todo un catedrático do Collège de France –cargo de referencia para calquera francófilo–.
