El tiempo
miércoles. 05.10.2022
El tiempo

Ionqui

O FENÓMENO da drogadición transformouse e, afortunadamente, minguou dende os anos 80. Non vou cansalos aquí con relatos que moitos coñecemos: agullas nos parques, individuos espectrais polas calellas, corpos nos parques ao amencer... Pero dentro do espectro das drogas había espazo tamén para outros ionquis, os elegantes e cultos, que produciron obras literarias sobre cuxo valor aínda se debate. É o caso de William S. Burroughs, cuxa enorme biografía, composta por Ted Morgan —prestixioso autor estadounidense que escribiu tamén, por exemplo, a vida de Franklin D. Roosevelt—, sae agora en español na editorial Es Pop.

Probabelmente Burroughs presenta a biografía máis extravagante e salvaxe da historia literaria e non é unha frase publicitaria do autor ou da editorial. Suponse que boa parte dos lectores que coñezan un chisco o autor irán dereitos —de novo unha hipérbole— ao episodio máis brutal protagonizado por un escritor. En setembro de 1951, en medio dunha enorme esmorga, Burroughs colocou na testa da súa dona, Joan Vollmer, un vaso de cristal, sacou unha pistola coa idea de imitar o desafío de Guillermo Tell... e fallou, polo que Vollmer morreu dun tiro en plena tempa.

Morgan non fai unha descrición do suceso tan apaixonada como a nosa e, de feito, ese é un dos trazos da súa obra. O episodio Vollmer recibe un tratamento aséptico, con atención ás varias versións do asunto. Non pode ser doutro xeito, xa que se fixese o contrario estariamos perante unha obra que caería permanentemente no exceso, ata se facer pesada: sobredoses, tráfico de drogas, homosexualidade desenfreada cando esta era un delito grave, asasinatos e roubos. Ao principio do libro, o autor declara a súa vontade de seguir unha "corrente de conciencia" nos testemuños de Burroughs, pero non atopamos trazo disto da tradución —quen sabe se poderá apreciarse no orixinal—.

O grande éxito de Ted Morgan consiste en facer teoría e crítica literarias no medio de todos eses crimes. Mesmo cando un non cre demasiado no valor artístico da Xeración Beat —como é o caso de quen isto escribe—, non pode deixar de admirar as descricións do hiperrealismo que levou a Burroughs a compoñer Ionqui e a da revolución que supuxo o método 'cut-up', que mestura o relato convencional coa inserción de partes doutros escritos e impresións aleatorias.

En canto á teoría literaria, pode parecer estraño mencionala ao falar dun libro deste estilo... pero nunha lectura fonda é inevitábel atoparse con ela. Os beat supuxeron un desafío para os sistemas literarios occidentais (principalmente o estadounidense, pero tamén os europeos) e Morgan analiza á perfección a estrutura da súa alternativa. Céntrase, sobre todo, no asunto da obscenidade e a censura, grandes barreiras coas que Burroughs, Ginsberg e outros tiveron que pelexar.

Mais non debemos caer no entusiasmo crítico. Coma toda biografía autorizada, peca esta de excesivamente indulxente, máis se temos en conta a gravidade dos asuntos que se tratan —por exemplo, no caso Vollmer sería sinxelo falar de relativismo ao non seleccionar unha versión do suceso que poda quedar como definitiva—. Tampouco axuda ao entretemento do lector casual o propio arco da vida de Burroughs: durante centos de páxinas imos de Tánxer, a Londres, a París ou a Estados Unidos, namentres o noso protagonista envellece rodeado dunha serie de personaxes alucinados e sen que, realmente, se aporte nada á figura literaria ou vital agás algo milagreiro: que Burroughs non morrese a causa do consumo de drogas senón a causa dun banal ataque cardíaco, xa na vellez, retirado no Medio Oeste estadounidense do que saíra en 1914.

Ionqui
Comentarios